O persoal da subcontrata de Movistar, Circet, maniféstase en Compostela contra un ERE “totalmente inxustificado”
- Celebraron unha asemblea previa na que acordaron sumar, ás xornadas de folga xa convocadas, novos paros os días 4 de 5 de decembro.
Traballadores e traballadoras de Circet manifestáronse esta mañá polas rúas de Compostela tras celebrar unha asemblea na que se trasladou a escasa información proporcionada pola empresa relativa ao ERE que afecta en Galiza a 118 persoas. Un ERE que consideran que non está xustificado e que denuncian que ten como único obxectivo aumentar as marxes de beneficio precarizando as condicións de traballo.
Na asemblea o persoal acordou sumar ás xornadas de folga xa convocadas para os días 26, 27 e 28 de novembros, dúas novas, os días 4 e 5 de decembro e que coinciden coa folga convocada a nivel estatal pola CGT e secundada por CCOO e UGT.
O pasado 21 de outubro, CIRCET Infraestructuras de Telecomunicaciones S.A. comunicaba a súa intención de iniciar a tramitación dun procedemento de despedimento colectivo por causas económicas, produtivas e organizativas.
O ERE afecta a 377 traballadoras e traballadores, das clase 118, case o 30%, pertencen a centros de traballo galegos de Bergondo, Milladoiro e Ledoño, na provincia da Coruña, e os de Lugo e Pontevedra.
A empresa é concesionaria en Galiza de operadoras de telecomunicacións como Movistar e Vodafone, con clientes como a Xunta de Galiza, o SERGAS, Educación, Emerxencias, Defensa e outras administracións estatais e locais. Dáse a circunstancia de que este contrato con Movistar vén de ser mercado por CIRCET en xullo deste ano, previa autorización do goberno do Estado.
ERE inxustificado
Por iso a CIG-Industria considera que as causas económicas nada teñen que ver con este persoal que non pertencía á empresa no período auditado, como tampouco as causas organizativas, xa que non existen duplicidades ao ter subrogado unicamente a unidade independente, sen cadros directivos.
A CIG afirma que tampouco concorren as causas produtivas, xa que o servizo se presta cun nivel de subcontratación tal que só o 30% é persoal propio e o 70% persoal subcontratado (tercerizado) nunha pirámide de subcontratación de máis de 3 niveis.
Precarización laboral
Ao non concorrer ningunha das causas ETOP(Económicas, Técnicas, Organizativas e Pordutivas) nos centros de traballo galegos, para a central sindical “a verdadeira causa deste ERE non é outra que a intención da empresa de impor un sistema de traballo contrario aos acordos asinados, con incumprimentos de xornada de traballo, presionando para alongar as xornadas de traballo, sen facer un control de xornada efectivo”.
Presións para traballar “fóra de xornada sen un sistema retributivo legal, cometendo fraude de cotización á Seguridade Socia, e presionando para que os traballos se fagan en menos tempo e sen adoptar as normas de prevención de riscos, para logo despedir cando se sofren accidentes como consecuencia disto”.
Trátase, polo tanto, dun ERE que busca afondar na precarización do sector coa fin de incrementar as súas marxes de beneficio a costa das traballadoras e traballadores de Galiza, condenados á emigración para poder traballar no seu sector e sendo os seus postos ocupados por extractos de poboación máis desfavorecidos, maioritariamente inmigrantes aos que a empresa explota pola súa falta de arraigo e cultura sindical.