Redacción •  Galicia •  24/12/2022

BNG anuncia un Plan de Igualdade Lingüística en diálogo coa sociedade fronte un PP que traballa pola redución do galego

  • Queixas empraza aos Populares a “traballar en positivo” e critica a actitude dun Goberno do PP “que se nega a escoitar ás institucións e incumpre a lei” e que exerce como “partido da imposición da ignorancia lingüística”.
BNG anuncia un Plan de Igualdade Lingüística en diálogo coa sociedade fronte un PP que traballa pola redución do galego

O BNG anunciou na Cámara un Plan de Igualdade Lingüística elaborado en diálogo coa sociedade civil que sexa unha resposta aos últimos datos que amosan, por vez primeira, que o galego deixa de ser a lingua maioritaria en Galiza, quedando por detrás do castelán.

Así o expuxo a portavoz de Lingua, Mercedes Queixas, que amosou ao PP a evidencia de que “13 anos despois de implantar o seu modelo político, a obxectividade dos datos confirma que non funciona porque os resultados son sempre e cada vez máis negativos” e emprazou á Xunta a virar a súa política lingüística xa que “non existe unha acción de goberno que teña como obxectivo a restitución da igualdade para a lingua galega, é dicir, as políticas do PP neste sentido son lesivas para a lingua”.

Esta orientación da política respecto da lingua ten a orixe no chamado “Decretazo” do plurilingüismo do 2010, unha deriva na que o Goberno do PP abandonou “cumprir cos mandatos normativos: a Constitución, o Estatuto de Autonomía, a LNL, o PXNLG e a Carta Europea das Linguas Minorizadas”, criticou a deputada do Bloque.

Situación que demostran os recentes datos do Censo 2021 do Instituto Nacional de Estatística (INE) nos que, ademais de constatar a perda de liderado do galego, o 27,8% dos menores de 20 anos non é quen de falar nada galego ou o fala con moita dificultade; o 32,8% de mozos e mozas non son quen de escribir en galego ou o fan con dificultade; só un 35% dos mozos e mozas empregan o galego no eido familiar e só un 16% dos menores de 20 anos tiveron o galego como lingua materna, uns datos que son “unha enmenda total” ao Decreto 79/2010.

Un Goberno do PP, en definitiva, “que se nega a escoitar as institucións que demandan cambios, como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Consello de Europa”, recriminou Queixas.

Fronte esta situación, Queixas tendeu a man para “traballar en positivo” e emprazou á Xunta a enfocar a súa política lingüística cara unha lingua “de transmisión interxeracional, como lingua inicial e como lingua viva en todos os usos”. Para iso o BNG elaborará un Plan de Igualdade Lingüística “en diálogo e consenso” coa sociedade do País, proposta que se atopou coa negativa do Executivo dos Populares.


gallego /