A CIG convoca protestas todos os martes mentres non se aprobe a suba das pensións
- As mobilizacións comezarán o vindeiro 28 de xaneiro nas sete cidades e nas Pontes e coincidirán coa celebración do Consello de Ministros/as
O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG anunciou hoxe que desenvolverá mobilizacións todos os martes a partir do vindeiro 28 de xaneiro mentres non se aprobe a revalorización das pensións para este ano 2025. Con estas protestas, que coincidirán coa celebración do Consello de Ministros/as, a central sindical esixirá a suba das prestacións por xubilación que contemplaba o decreto bloqueado no Congreso dos Deputados/as por parte do PP, VOX e Junts.
As primeiras mobilizacións terán lugar nas sete cidades e na localidade eumesa das Pontes, aínda que a intención do Colectivo é estendelas ao resto do país e mantelas até que se aplique o incremento do 2,8% previsto no decreto que contiña un paquete variado de medidas que o Goberno español de PSOE e Sumar levou a votación “para obrigar dalgún xeito a que se votara a favor e se aprobara no seu conxunto”. Pero o decreto foi votado en contra por PP, VOX e Junts, “o que supuxo botar abaixo, entre outras cuestións, a suba das nosas pensións”.
Dende a CIG denuncian que, pola contra, noutra votación recente o PP e o PSOE non tiveron reparo en coincidir para sacar adiante un decreto que supón un novo recorte no sistema público de pensións, poñendo fin á xubilación parcial aos 61 anos. “Unha medida que, como todas as reformas que de xeito continuado están a desmantelar o sistema público de pensións (xubilación aos 67, aumento do tempo de cotización mínima, etc) chegaba ao Congreso co pacto da patronal e CCOO e UGT, que continúan entregando os dereitos da clase traballadora no diálogo social”.
En consecuencia, a central sindical porá en marcha un calendario de mobilizacións que incluirá protestas todos os martes para esixir a suba das prestacións por xubilación e na defensa dun sistema público de pensións que continúa a ser atacado no marco do diálogo social. “Xa está ben de que o diálogo social siga vendendo os nosos dereitos e de que se utilicen as pensións no xogo entre PSOE e PP”.
Desmantelamento do sistema público
O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG leva tempo denunciando e mobilizándose ante a situación de desmantelamento do sistema público de pensións por parte dos distintos gobernos do Estado.
E para reclamar que a contía mínima das pensións sexa igual ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para poder “vivir con dignidade e sen penurias”. Xa que a pensión media galega está case 15 puntos por debaixo da estatal, chegando os 173 euros menos ao mes, o que sitúa a Galiza en segunda posición, pola cola, coas pensións máis baixas do Estado. Mais na provincia de Ourense a pensión media si é a máis baixa.
Tamén que se fixe por lei a igualación das pensións mínimas e do SMI, que “debera ser de 1.320,04 euros (o 60% do salario medio), tal e como se recolle na Carta Social Europea”. E que as pensións se revaloricen conforme o IPC acumulado a final de ano, como única forma de recuperar o poder adquisitivo perdido coa introdución, en 2021, do índice do IPC medio.
LUGARES E HORARIOS DAS MOBILIZACIÓNS
-A Coruña: Praza de Ourense, diante da Delegación do Goberno, ás 12:00h.
-As Pontes: Saída en caravana de coches, diante do local da CIG, ás 11:00h.
-Ferrol: Praza Amada García, diante do Edificio da Xunta, ás 12:00 horas.
-Lugo: Praza Maior, diante do Concello, ás 11:30h.
-Ourense: Rúa do Paseo, diante do Edificio Ánxel Valente, ás 12:00h.
-Pontevedra: Praza da Peregrina, ás 11:30h.
-Santiago: Praza do Toural, ás 12:00h.
-Vigo: Mercado do Calvario, ás 11:00h.