Redacción •  Galicia •  25/02/2023

BNG denuncia a desatención da Xunta pola “mala calidade e escaseza” da comida ofertada nos comedores de colexios públicos en Nigrán e Gondomar

  • Carmela González criticou a mala calidade da comida e a escaseza da mesma nos colexios públicos do concello de Nigrán, concretamente os CEIP Humberto Juanes, CEIP Carlos Casares, CEIP da Cruz e CEIP de Mallón e do IES Plurilingüe Terra de Turonio, no concello de Gondomar
  • A deputada viguesa emprazou ao Goberno do PP a atender á demanda das ANPAS para que as comidas dos comedores escolares dos CEIP Humberto Juanes, CEIP Carlos Casares, CEIP da Cruz e CEIP de Mallón, de Nigrán, e do IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar sexan elaboradas “na cociña do CEIP Humberto Juanes, instalación recén reformadas”.
BNG denuncia a desatención da Xunta pola “mala calidade e escaseza” da comida ofertada nos comedores de colexios públicos en Nigrán e Gondomar

O BNG levou ao Parlamento a situación da comunidade escolar dos colexios públicos dos concellos de Nigrán e Gondomar por mor da mala calidade da alimentación que se ofrece nos seus comedores, responsabilidade da Xunta.

“Durante o pasado curso escolar e o actual foron continuas as queixas pola escaseza ou pola mala calidade da comida”, denunciou Carmela González, que informou de que estas queixas “foron formuladas por escrito tanto á empresa contratada para prestar o servizo como ao Servizo de Xestión de Comedores Escolares da a consellería de Educación” sen ningún resultado.

Unha falta de acción por parte do Goberno do PP que se traduce nunha comida, hoxe, “que nin é variada, nin é de calidade, nin é suficiente”. Declaracións que só atoparon o desentendemento de Educación, que aludiu á una responsabilidade dos concellos nesta materia que é inexistente, “a única responsable é a Xunta”, contestou a deputada nacionalista.

“Tamén hai unha cantidade insuficiente para todas as crianzas, ate o punto que a dirección do colexio ten ido moitas veces mercar produto para darlle aos nenos ou nenas que quedaron sen el”, denunciou a deputada viguesa Carmela González, xa que, á mala calidade dos alimentos, xúntase a escaseza dos mesmos, xa que “a empresa manda menos cantidade de iogures ou menos prezas froita que a cantidade de crianzas que usan o comedor. E case que a diario mandan menos bolos de pan que menús”.

Unha situación que a parlamentaria do BNG cualificou de “miserable” polo feito “de negarlle un bolo de pan aos nenos e nenas e que teñan que contar todos os días os bolos para poder repartilos e que non quede ningunha crianza sen un anaco de pan”. Neste sentido, no CEIP Humberto Juanes, “comen 220 nenos e nenas a diario e chegan 30 bolos de pan e 30 pezas de froita menos a diario”, criticou.

“Isto queda curto porque a comida que chega ao Humberto Juanes é moito peor do dito nesta Comisión. As nais e pais saben a diario o que lles contan os seus fillos e fillas”, remarcou Carmela González.

Ademais, dáse neste comedores unha desatención en canto ás intolerancias das nenas e menos ao gluten, a lactosa ou a fructosa, o que fai que estas crianzas “teñan que marchar para a casa sen xantar porque os seus menús especiais non chegaron, e isto non ocorreu un par de veces no curso, isto ocorre varias veces ao mes”, criticou a deputada viguesa.

Todo isto, sinalou, cunha empresa concesionaria que “aínda segue a usar pratos de plástico e a que a vaixela chega sucia moito máis habitualmente do que sería necesario”, detallou a parlamentaria nacionalista; agravios que se suman ás desatendidas queixas das comunidades escolares destes centros educativos en Nigrán e Gondomar.Carmela González emprazou ao Goberno do PP a atender á demanda das ANPAS para que as comidas dos comedores escolares dos CEIP Humberto Juanes, CEIP Carlos Casares, CEIP da Cruz e CEIP de Mallón, de Nigrán, e do IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar sexan elaboradas “na cociña do CEIP Humberto Juanes, instalación recén reformadas”.


educación /