A CIG propón que se exclúan da eólica mariña os territorios que cumpran os obxectivos de produción eléctrica con renovables
Presentou esta, entre outras alegacións, ao Proxecto de Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións ubicadas no mar
A CIG defende que na avaliación das solicitudes para as instalacións de produción de enerxía eléctrica ubicadas no mar, sexan excluídas as que afecten a territorios nos que “o ano anterior á valoración xa cumpran os obxectivos de contribución renovable á xeración eléctrica fixados no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima, PNIEC, de aplicación”.
Deste xeito, Paulo Carril, secretario xeral da CIG, entende que se poderían preservar as nosas costas das instalacións de eólica mariña porque “xa temos moita potencia instalada” e “cumprimos sobradamente os obxectivos establecidos”.
Xunto a isto, nas alegacións presentadas ao Proxecto de Real Decreto, a CIG propón que se exclúan tamén as solicitudes que evidencien “un dano grave aos ecosistemas mariños ou a actividade pesqueira desenvolvida na zona proposta” e que se aumente o prazo para o trámite de avaliación ambiental de 30 días a 45 días. Unha información pública que a central sindical considera que debe ser realizada polas áreas e dependencias de industria e enerxía das delegacións e subdelegacións de Goberno”.
En todo caso propón que para a emisión da declaración de impacto ambiental sexa preceptivo contar co informe de compatibilidade coas estratexias mariñas da Dirección Xeral a Costa e o Mar, así como o “informe vinculante do Instituto Español Oceanográfico e das Comunidades Autónomas”.
Ademais, a central sindical considera que o procedemento de adxudicación debe ser por concesión administrativa e non o de concorrencia competitiva e que “o diálogo debe ser un imperativo para os promotores en favor dos sectores económicos e sociais ameazados”. Un diálogo que se ten que desenvolver por un tempo non inferior aos 3 meses.
Soberanía alimentaria
Para a CIG tamén é esencial que os criterios de ponderación para as concesións prioricen o interese económico e social “salvagardando e protexendo en todo momento a cohesión social e as actividades, zonas e caladoiros de pesca dedicados ao abastecemento de alimentos, priorizando a soberanía alimentaria”. Isto constatándose, ademais, previamente que o proxecto é aceptado polos sectores económicos, sociais e poboacións de costa afectados e que é maior “o impacto socioeconómico positivo e mellora da calidade de vida nos sectores e territorios afectados”.
Nese sentido propón que se poidan incluír criterios “non económicos até un máximo do 70% da ponderación”.
Xunto a isto, o secretario xeral da CIG explica que a para a CIG é imprescindible que xunto aos requisitos técnicos e legais se estableza a obriga de presentar “proxectos de desenvolvemento económico e plans industriais asociados e vinculados creadores de emprego neto real, sen posibilidade de segregar da actividade de produción de enerxía, propostos para a súa implantación nos territorios afectados nos que se aproveite todo o valor engadido pola produción de enerxía”.
Bonificación na factura eléctrica a particulares e actividades económicas
A isto engade tamén a obriga de presentar compromisos de participación pública no capital social; o establecemento pola promotora do proxecto dunha bonificación directa na factura eléctrica do 10% para as persoas consumidoras domésticas e dun 30% para as actividades económicas con domicilio nos territorios afectados por estas instalacións.
Do mesmo xeito, a CIG considera que as empresas promotoras dos proxectos deberán ter sede social e fiscal nas Comunidades Autónomas afectadas e que o prazo de concesión do dominio público marítimo-terrestre sexa de, como máximo 25 anos.
Con todo, a central sindical considera que este Real Decreto non pode entrar en vigor “até a finalización dos procesos xudiciais abertos ante as reclamacións formuladas pola Plataforma da Pesca e dos Ecosistemas Mariños”, ante o Real Decreto 150/2023, de 28 de febreiro, polo que se aproban os plans de ordenación do espazo marítimo e dos recurso interposto ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo.