Entregadas preto de 25.000 sinaturas da ILP “Liberemos a Galega” para democratizar a CRTVG
- Fronte o «secuestro» ao que somete o PP aos medios públicos defende a independencia, a veracidade e o pluralismo informativo.

As organizacións promotoras da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) «Liberemos a Galega» entregaron oficialmente 23.854 sinaturas no rexistro do Parlamento de Galiza, case triplicando as 10.000 necesarias, recollidas en pouco máis de seis meses.
Este apoio masivo da cidadanía permitirá debater, nas vindeiras semanas, unha proposta lexislativa para transformar a Compañía de Radio Televisión de Galiza (CRTVG), como explicou Tereixa Navaza, que actuou como portavoz, “nun servizo público verdadeiramente democrático, plural e ao servizo do pobo, liberándoa do «secuestro» que, segundo as promotoras, exerce o Goberno galego do Partido Popular”.
Unha CRTVG secuestrada polo poder político
As preto de 40 organizacións impulsoras denuncian que a actual dirección da CRTVG actúa ao servizo dos intereses do PP, antepoñendo os obxectivos políticos da forza gobernante aos valores éticos e democráticos que deben guiar un medio público. Esta situación compromete, segundo Navaza, “a independencia, a veracidade e o pluralismo informativo, perpetuando a manipulación, a cancelación de contidos e profesionais, e a desconexión coa realidade social, cultural e económica de Galiza”.

Obxectivos da ILP Liberemos a Galega
A proposta lexislativa busca democratizar a CRTVG para que cumpra as súas misións como servizo público esencial, entre elas: difundir a cultura e a lingua galega, garantir a independencia e veracidade da información, promover o pluralismo, a cohesión social e territorial, os dereitos fundamentais, as liberdades públicas e a calidade democrática. En concreto, as organizacións defensoras da ILP apostan por unha radiotelevisión pública que:
- Garanta obxectividade, imparcialidade, neutralidade, veracidade e pluralismo, erradicando manipulacións e exclusións.
- Reflicta a realidade social, laboral, económica e cultural de Galiza, asegurando o dereito de acceso de todos os grupos sociais con criterios obxectivos e máximo respecto á diversidade
- Recupere a cobertura territorial e as desconexións locais para informar sobre a realidade de cada contorna.
- Promova a identidade galega, a lingua e a cultura, apoiando a produción editorial, teatral, musical e audiovisual do país.
- Fomente a igualdade, a non discriminación, a diversidade sexual e a perspectiva de xénero, utilizando unha linguaxe non sexista.
- Priorice a programación infantil e xuvenil, fortalecendo a lingua e a cultura galega e o papel educativo e socializador da CRTVG.
- Dispoña de recursos humanos, orzamentarios e materiais suficientes para operar con autonomía.
- Impulse a produción audiovisual independente con transparencia, evitando a concentración en poucos provedores.

Un chamamento ao debate parlamentario
En nome das organizacións promotoras, a portavoz agradeceu o compromiso das case 25.000 persoas asinantes e celebran a toma de conciencia cidadá que fixo posible esta ILP. Agora, defenderán a proposta no Parlamento de Galiza, onde se decidirá o modelo de medios públicos que o país necesita. A ILP «Liberemos a Galega» aposta por unha CRTVG ao servizo do pobo, garantindo un servizo público de calidade, plural e comprometido coas necesidades democráticas, sociais e culturais de Galiza.