Redacción •  Galicia •  25/07/2024

Manifiesto: «Unha Galicia Democrática e Libre»

  • O grao de democracia dun país pode medirse en función dos dereitos das e dos cidadáns que o compoñen,do seu nivel de participación das políticas públicas e sobre todo, na capacidade de soster a globalidade das necesidades materiais básicas da poboación que compón o país.
Manifiesto: «Unha Galicia Democrática e Libre»

Non existe auténtica liberdade para desenvolverse coma individuos, construír un proxecto de vida e participar nas políticas públicas se cuestións elementais coma alimentarse, ter un teito decente, ter acceso á sanidade e educación gratuítas, poder ter tempo de lecer ou apoio na vellez non están garantidos para todas as persoas.

Galicia adoece desde fai moitos anos de políticas que coiden desas necesidades básicas. Nos últimos quince anos o país foi atacado polas políticas destrutoras de emprego, medio ambiente, servizos públicos e dereitos sociais da dereita.

O Goberno que pretende vender o medio natural galego para implantar unha macrocelulosa que envelene a nosa auga, monte e mar é o mesmo que xestionou de xeito neglixente a crise de vertedura de pellets, ocultando información, ou o que puxo en perigo a vida de moitas e moitos maiores nas residencias durante a crise da COVID.

Este Goberno, que é neglixente na proteción do medio e da saúde, é o mesmo que leva destruíndo desde fai quince anos de xeito paulatino a nosa sanidade pública, permitindo que centros de saúde pechen durante o verán por falla de persoal ou que as demoras para unha consulta médica cheguen a un mes e medio noutros centros.

Este Goberno, presidido por Rueda Valenzuela, non é máis que unha continuidade dos gobernos de Nuñez Feijóo. Unha continuidade na política de adelgazamento do público. Este Partido Popular que recortou a recadación da Xunta en máis de 660 millóns por perdoar impostos aos ricos durante o último mandato de Feijóoé o mesmo que se solivianta cando se lle pide ofrecer protección e coidados a un par de decenas de menores en situación de desprotección, mostrando a súa faciana máis cruel e xenófoba.

Esquerda Unida defende que só gozaremos dunha auténtica democracia cando se debuxe un futuro de benestar e dereitos para todas e todos. Defendemos que a auténtica liberdade chegará cando as necesidades básicas das galegas e galegos con independencia da súa orixe estean cubertas e cando poidamos mirarnos á cara de ti a ti para construír un país baseado na igualdade, na paz, na protección do medio e os dereitos sociais.

Este 25 de Xullo Esquerda Unida chama a defender desde o cotiá, desde os nosos espazos de loita, convivencia e traballo a construción dunha Galicia democrática e libre para todas e todos.


Esquerda Unida /