BNG rexeita novos recortes nas pensións públicas
- Néstor Rego reclama ao Goberno do Estado facer políticas “fiscais e sociais verdadeiramente de esquerdas e subir as pensións mínimas até equiparalas co SMI”.
- A formación nacionalista alerta sobre as consecuencias negativas do chamado ‘factor de equidade xeracional’ que servirá para recortar de novo as prestacións por xubilación.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, alerta de que o Plan de ‘reforma’ das pensións, aprobado polo Consello de Ministros, “non só non reverte, senón que consolida os aspectos máis lesivos e regresivos das reformas de 2011 e 2013”. Reclama ao Goberno do Estado aplicar medidas “verdadeiramente de esquerdas” como a suba das pensións mínimas até equiparalas co SMI, creación de emprego, políticas públicas que favorezan a inclusión da mocidade no mercado laboral e combate á evasión, a fraude e os paraísos fiscais. Aliás, alerta para as consecuencias negativas do chamado ‘factor de equidade xeracional’, que virá substituír o factor de sustentabilidade e que terá efectos similares.
O deputado nacionalista lembrou que o BNG non apoiou as recomendacións do Pacto de Toledo nin o acordo de 1 de xullo e, por tanto, tampouco o Proxecto de Lei aprobado polo Consello de Ministros porque “non só non reverte, senón que consolida os aspectos máis lesivos e regresivos das reformas de 2011 e 2013. Particularmente o aumento da idade de xubilación a 67 anos; o aumento do cómputo de 15 para 25 anos, que supuxo unha caída na contía das pensións brutal de arredor de 25%; ou manter a penalización da xubilación anticipada”.
Rego destacou como ‘profundamente negativo’ que entre as medidas adoptadas estea incentivar a permanencia no mercado laboral máis alá da idade legal de xubilación. “Penalizar a xubilación anticipada ou ‘incentivar’ a xubilación ‘demorada’, para alén de ser medidas inxustas, estabelecen unha dirección claramente errónea porque dificultará aínda máis a incorporación da mocidade ao mercado laboral”. Con 40% de paro xuvenil e no caso da Galiza “cunha emigración na última década de 300.000 persoas, máis de 10% da poboación do País, non parece a medida máis adecuada”, salienta Rego.
O deputado do BNG sinala, ademais, que persisten ameazas como o ‘factor de equidade interxeracional’, que substituirá o factor de sustentabilidade do Partido Popular mais que terá efectos similares e lembrou que o Ministro Escrivá avanzou que suporá recortes para a xeración do Baby boom. “Posteriormente o Ministro matizou as súas palabras, como xa fixera no seu día coa proposta de aumentar o período de cómputo a 35 anos -o que suporía un novo recorte nas contías-, mais está claro que se trata de globos sonda de propostas que teñen a vontade de aplicar se non detectaren grande contestación social”, alertou Rego.
O deputado do BNG reprobou que este goberno, como fixeron os anteriores, prefire actuar polo lado dos gastos, recortando prestacións, no canto de facelo polo dos ingresos. “Reducir a xornada sen reducir salario para crear máis emprego, promover o emprego xuvenil, aumentar os salarios… Todo isto redundaría en maiores ingresos para a Seguranza Social, por que non se vai nesa dirección? Iso é o que faría un Goberno verdadeiramente de esquerda” salienta Rego.
O deputado nacionalista criticou tamén o incumprimento do compromiso do Goberno de coalición de subir as pensións mínimas. “Está ben a revalorización das pensións co IPC, mais en canto non suban a pensión mínima até equiparala co Salario Mínimo Interprofesional para situar ambos progresivamente en 60% do salario medio, como estabelece a Carta Social Europea, non se estará actuando con equidade e xustiza social”.
Para Rego, a suba da pensión mínima é fundamental para reducir a fenda de xénero e tamén a fenda territorial. A Galiza ten as segundas pensións máis baixas do Estado. Ourense é a provincia coa pensión media máis baixa, pouco por encima dos 800 euros. “É dicir, máis de 500 por baixo da media de Madrid e máis de 600 por baixo da provincia máis alta, Biscaia” enfatiza o deputado do BNG.
Rego vaticinou que haberá contestación “de amplos sectores da clase traballadora galega” se non se reverten os recortes nas pensións. O deputado remarcou que o BNG quere pensións dignas, e por iso instou o Goberno a mudar radicalmente de política: “Recuperar a xubilación ordinaria aos 65 anos, favorecer a xubilación anticipada con 40 anos cotizados e sen penalización -mesmo na perspectiva dos 35 anos-, retirar os incentivos da xubilación demorada e subir as pensión mínimas, fomentar o emprego xuvenil e reducir a xornada laboral”, sinala, para engadir que a mellora dos salarios revertería tamén en aumento dos ingresos e en garantir a sustentabilidade do sistema.