As Pontes clama por unha transición xusta e un futuro con emprego e industria
- Unhas 2000 persoas participaron na manifestación convocada pola CIG no marco da folga xeral na localidade, que rexistrou un seguimento masivo.
Unhas 2.000 persoas participaron este xoves na manifestación que saíu ao mediodía da Praza do Carme, no marco da folga xeral parcial convocada pola CIG nas Pontes para reclamar unha transición xusta, medidas que garantan a reindustrialización e un futuro con emprego para a localidade. A folga, que se materializou con carácter xeral entre ás 11 e ás 15 horas, tivo un seguimento masivo en todas as empresas, sectores e administracións, cun especial impacto no comercio e na hostalería local que pecharon na práctica totalidade.
A actividade do comercio e a hostalería está sufrindo un duro golpe neste proceso de desmantelamento industrial e perda de emprego que atravesa As Pontes, polo que ao remate da manifestación a CIG trasladoulle un sentido agradecemento ao sector pola solidariedade amosada e o esforzo realizado.
A xornada arrincou ás 5:30 horas con piquetes informativos despregados polos polígonos de Panapurreira e Os Airíos, e a central térmica para animar as traballadoras e traballadores a secundar a folga e a manifestación. Por volta das 9:30 horas, aproveitando a apertura do sector servizos, dos colexios e as dependencias públicas, o piquete percorreu o centro da vila facendo o mesmo chamado e explicando as principais reivindicacións que levaron a CIG a convocar este folga en solitario.
Zona cero da crise industrial
O secretario xeral, Paulo Carril, denunciou ao inicio da manifestación que “As Pontes é a zona cero” da crise industrial que temos en Galiza. “Levamos anos denunciando que non estamos ante unha transición, senón ante unha reconversión clásica que deixa detrás un estrago importante non só na actividade ligada á produción de enerxía, senón tamén naquelas empresas que no seu día foron representativas dos plans de reindustrialización, como Einsa”.
Carril puxo énfase en que a táboa reivindicativa da CIG “é un clamor popular” que hoxe se expresou no seguimento masivo da folga. Unha xornada de loita, engadiu, que supón unha chamada de atención urxente para que todas as administracións (Goberno español, Xunta e Concello) “fagan o imposíbel para frear esta demolición e ao tempo evitar que sexa Endesa quen marque o ritmo e o calendario ante a inacción dos gobernos”.
Valorou a enorme resposta dada polo pobo das Pontes, pero advertiu que “queda moito por diante”. “As promesas dun paraíso industrial e de emprego para o concello das Pontes non son certas. A realidade que hai é unha sucesión de despedimentos e unha crise importante na localidade e na súa contorna”. Considerou que a velocidade á que se tiñan que materializar eses supostos proxectos “debera ser a mesma que a dos despedimentos e o sen futuro para o conxunto das traballadoras e os traballadores”.
Destrúese emprego e non hai novos proxectos instalados
Pola súa banda, o voceiro da CIG nas Pontes, Alberte Amado, incidiu no declive que sofre a localidade dende o anuncio do peche da central en 2019, sen que neste tempo houbera solucións nin se asentaran xa novos proxectos industriais. “Aínda estamos ante promesas e procesos na vía administrativa, cando xa temos enriba un ERE en Einsa Print para despedir a 155 persoas, dúas empresas emblemáticas como Hermanos Gabeiras e Transportes Canosa en procesos concursais, e un ERE temporal ao longo de todo este ano e que se prevé continúe o próximo, en Intasa”. A isto, alertou, hai que sumarlle o peche de comercios e a caída xeneralizada do consumo.
Sobre o preacordo acadado no día de onte para a industria auxiliar de Endesa, Amado explicou que aínda que se produciron avances, “falta concreción e non deixa de ser un parche temporal até o mes de marzo”. Pediu que as garantías de emprego se prolonguen no tempo e lembrou que aínda está pendente manter reunión co nova contratista que vai coller os traballos de predesmantelamento.
Esta situación crítica, continuou Amado, merece unha resposta para exixirlle solucións ás administracións, nomeadamente un plan de choque que a curto praza dea unha alternativa laboral e económica a todos os colectivos afectados, así como a creación de chan industrial no municipio. Nesta liña, que se conserve a vinculación laboral dos traballadores e traballadoras da industria auxilia, estudando a súa posíbel incorporación a Endesa e, en todo caso, garantindo a súa incorporación nos proxectos industriais futuros.
Con esta folga a CIG tamén reclama a paralización de todos os ERE presentados e que se reasignen os 1400 MW de evacuación da central térmica no nó de transición xusta das Pontes e a consecuente poxa ligada a proxectos industriais. Esta capacidade de evacuación, recalcou, “constitúe un valor engadido para acadar proxectos, sobre todo no eido enerxético no inmediato”.
Unhas demandas xustas porque “queremos seguir traballando e vivindo aquí, non seguir nesta dinámica de perda de poboación, avellentamento, e destrución de emprego”, concluíu.
A folga do pobo das Pontes
Ao remate da manifestación, xunto ao representante da CIG, Alberte Amado, tomaron a palabra Fernando Branco, e traballadoras e traballadoras de sectores e empresas en crise: Raquel Fraga do comercio local, Celso Barro, dunha auxiliar de Endesa, Zeltia Gato, traballadora de Endesa, e Daniel Pena, presidente do comité de Einsa Print.
O responsábel de enerxía na CIG-Industria, que iniciou a súa intervención agradecendo ao comercio e á hostalería a súa resposta masiva á convocatoria de folga, cualificou de “tormenta perfecta” a situación das Pontes, cunha caída económica prolongada no tempo, ERE, ERTE e empresas de referencia en concurso. Unha crise que deriva na perda demográfica e o envellecemento, o que supón un menor dinamismo social.
Brando Aseverou que este é o momento de mobilizarse, de ir á folga para reclamarlle ás administracións e a Endesa medidas reais: “prométese un paraíso industrial cando, pola contra, o presente é a destrución de emprego sen precedentes, xa que logo isto non é unha transición é unha reconversión”.
Neste sentido, enfatizou que esta folga “non é da CIG, é do pobo das Pontes, o noso sindicato é unha ferramenta”.
ERE en Einsa
Daniel pena lembrou que Einsa foi a primeira empresa en instalarse en Penapurreira como resultado do plan de desenvolvemento tras o peche da mina, «nacido das mobilizacións sociais e sindicais para prever, 10 anos antes, as consecuencias do peche». A día de hoxe, Einsa (a empresa que conta co maior número de postos de traballo directos nas Pontes) presentou un ERE para despedir a 155 persoas. Por iso, Pena reclamou que o persoal sexa tido en conta e que «se realmente hai novos proxectos empresariais, nós tamén temos que ter o dereito a seguir traballando nas Pontes».
Destacou o carácter loitador do pobo das Pontes, que no seu día estivo na rúa para conseguir que se instalaran empresas como Einsa «e agora, case 25 anos despois, volve estar na rúa para solidarizarse coa nosa loita polo emprego».
Sen garantías para o persoal das auxiliares
Á falta de medidas políticas tamén se referiu Celso Barro, lembrando que transcorridos catro do anuncio de peche da central «ningunha administración fixo ningunha previsión real para evitar as consecuencias negativas deste peche». Criticou que se non existe unha transición xusta para As Pontes cando «estamos a unha semana de perder o noso posto de traballo e con varios ERES en marcha”.
Neste contexto, onte a noite, á última hora, avanzouse “a posibilidade dun preacordo, aínda por concretar nun documento, para continuarmos outros 4 meses, até marzo, e para despois de mazo de volta á ameaza de perda de traballo.».
Barro denunciou o abandono e o desleixo da administración e alertou que “non podemos vivir» de proxectos que se anuncian para 2027 e dos que nin sequera hai certeza de que se vaian materializar. A este respecto, demandou do Goberno español que explique por que As Pontes non vai ter capacidade de evacuación cando en Andorra e noutras seis centrais si teñen concurso público.
Perda de emprego e riqueza nas Pontes
Zeltia Gato incidiu na perda de 45 postos de traballo de Endesa que serán trasladados fóra «e con eles perderase a economía que xeraban na nosa vila». É certo, ante a posibilidade do paro e irse con traballo, pode ser mellor esta última posibilidade, aínda que signifique un sacrificio para familias que tiñan montada a súa vida aquí”.
Reclamou que «logo de anos de extraer beneficios nas Pontes”, Endesa debera, cando menos, ter un compromiso real de non afectar en nada ao emprego local. “Por iso estamos hoxe en folga, por que o que está a pasar nas Pontes non é un problema dunha soa empresa, é un problema que atinxe a toda a nosa vila e ao seu futuro».
O sector servizos na picota
Na mesma liña, Raquel Fraga, referiu a dependencia do comercio local do emprego xerado pola industria e as consecuencias económicas que teñen para o sector os peches e traslados, ao igual que tiña impacto acadar un bo convenio para o persoal de Endesa.
“No comarcio non temos nin recolocacións noutras zonas nin ERE de despedimento, non; ao sermos un colectivo pequeno, pois cada comercio é a nosa propia empresa, nós temos unha forma de sufrir estas consecuencias laborais en silencio, no día a día, na caixa que facemos cada día e, cando non podemos máis, pois baixar a reixa e pechar”.
Salientou que «o comercio sempre procurou ser solidario coas mobilizacións sociais», animou a mercar no comercio de proximidade e reclamou das administracións «un compromiso real co noso futuro como pobo».