Redacción •  Galicia •  26/02/2022

Ana Pontón manterá unha reunión co lehendakari Iñigo Urkullu na sede do Goberno vasco

  • A reunión na Lehendakaritza, prevista para o 1 de marzo, servirá para abordar asuntos como o concerto vasco ou o modelo do Ikerbasque, que converte a Euskadi nun referente en I+D+i.
Ana Pontón manterá unha reunión co lehendakari Iñigo Urkullu na sede do Goberno vasco

A portavoz nacional, Ana Pontón, manterá un encontro co lehendakari Iñigo Urkullu o próximo 1 de marzo, a primeira reunión institucional entre ambos, e terá lugar na sede do Goberno vasco en Vitoria.

Unha xuntanza na que estarán sobre a mesa asuntos como o papel das forzas nacionalistas no contexto do Estado, o concerto económico como modelo nun momento no que se debate o financiamento autonómico ou o papel da administración pública para impulsar a ciencia e o coñecemento, no que Euskadi é un referente a través do Ikerbasque. Igualmente, a portavoz nacional do BNG aproveitará para intercambiar valoracións co presidente vasco sobre a situación política actual.

A axenda de dous días que a líder nacionalista manterá en Euskadi tamén inclúe un encontro cos máximos responsables da asociación Ad Concordiam, que promove o coñecemento e a difusión do sistema vasco de financiamento, encontro no que participará o seu presidente e deputado de Facenda e Finanzas da Deputación Foral de Bizkaia, José María Iruarrizaga, e o deputado xeral de Bizkaia, Unai Rementería, mentres que pola delegación do BNG estará a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, e Rubén Cela desde a Área de relacións exteriores da Executiva nacional.

Na xornada do mércores día 2 de marzo, a portavoz nacional, previa entrevista na EITB, manterá unha reunión co equipo de dirección do Ikerbasque, organismo que xestiona os centros de ciencia e investigación de Euskadi, para coñecer de primeira man o seu funcionamento, tendo en conta que o BNG ten entre as súas propostas en materia de I+D+i a creación do INNOGAL. O encontro será co responsable da xestión, Iñigo Atxutegi; como do director científico, Fernando Cossio.


Euskadi /  Galicia /  I+D+i /