Redacción •  Galicia •  26/02/2025

SOS Sanidade Pública convoca unha gran manifestación en Compostela contra as políticas de desmantelamento do PP

Está prevista para o 6 de abril, ás 12:00 horas, con saída da alameda compostelá e remate na Praza do Obradoiro.

SOS Sanidade Pública convoca unha gran manifestación en Compostela contra as políticas de desmantelamento do PP

A Plataforma SOS Sanidade Pública, da que fai parte a CIG, fixo esta mañá un chamamento a todas as galegas e galegos a mobilizárense o vindeiro día 6 de abril en demanda dunha sanidade pública e de calidade, tanto na Atención Primaria, como na hospitalaria.

Desde hoxe a até a data da mobilización desenvolverá unha campaña informativa para sensibilizar á poboación da situación na que se atopa a sanidade pública galega e de recollida de apoios das corporacións locais e as deputacións, vía declaracións institucionais ou mocións. Ademais porá en marcha unha recollida de apoios económicos vía crowdfunding para poder sustentar a actividade prevista, desde a distribución de folletos e cartelería, até o financiamento dos autobuses.

A Plataforma reclama centros de saúde e PAC dotados de persoal abondo, accesibles en 24-48 horas máximo; con consultas presenciais a solicitude das persoas doentes e que se reoriente a Atención Primaria á promoción, prevención, traballo comunitario e a participación social.

Xunto a isto, demandan que se garanta o modelo de Atención Primaria con especialistas de pediatría nos centros de saúde e que se reforce a súa capacidade para dar resposta aos problemas de saúde mental coa presenza da psicoloxía clínica.

Atención Hospitalaria

Canto á atención hospitalaria reclama a utilización plena dos recursos instalados nos hospitais comarcais, que se acabe coa política de concertación coa privada e que se restitúan ao sistema público os centros privatizados. Isto xunto coa posta en marcha de plans para reducir as listas de agarda e o remate da ocultación das existentes.

SOS Sanidade Pública exixe que tamén na atención hospitalaria se reforcen as unidades de saúde mental, tanto de adultos como infanto-xuvenil; que se remate coa precariedade laboral do persoal e se exixa dedicación exclusiva ao persoal médico.

Para isto, a plataforma considera que se teñen que incrementar os orzamentos destinados ao sistema sanitario público e que elaborar un Plan de Saúde Galego que adapte os recursos ás necesidades, recuperando os servizos privatizados e as áreas sanitarias pechadas, potenciando, ademais, a saúde pública para combater os riscos e as epidemias para a saúde.

Neste sentido, Manuel Martín, voceiro da plataforma, denunciou a situación que atravesa a Atención Primaria, primeiro nivel asistencial, pola “falta de recursos, persoal médico, persoal de enfermería e outros traballadores e traballadoras”; con longas listas de espera “dunha semana, quince días ou un mes”, afirmou. Algo que considerou “incompatible” coa atención directa, a relación doente-persoal médico axeitada ou co persoal de enfermería.

Martín denunciou ademais que a rede de hospitais públicos non funciona como debería porque, “mentres os hospitais privados traballan pola mañá e pola tarde, os hospitais públicos unicamente utilizan os recursos pola mañá”. Unha situación que implica que os aparellos de radiografía, de laboratorio, os quirófanos ou as consultas de especialidade, non traballan.

Fronte a isto apuntou que, porén, “temos a maior lista de espera de Galiza nos anos nos que hai contabilidade da mesma” o que provoca que unha parte importante das persoas que están en listas de espera “acaben sendo enviadas a centros privados concertados”.

Nese sentido, considerou que ese incremento das derivacións á privada é consecuencia “de que os hospitais non funcionen coa eficiencia e a rendibilidade que deberían”. E denunciou a política de externalización dos servizos centrais, da historia clínica, da receita electrónica ou das chamadas telefónicas, “un gasto innecesario e poñer en mans privadas o máis sensible do sistema”, afirmou.

Rede de hospitais privatizados

O voceiro de SOS denunciou que hospitais privados e multinacionais como o grupo Quirón, o máis potente de toda a Unión Europea, “está xestionando servizos en Galiza, tanto no caso de Vigo, como no caso de Pontevedra”. Ou como se lle acaba de renovar a Povisa un contrato que expirou hai seis meses e que “irregularmente a administración seguiu negociando até que concederon a esta multinacional francesa o que quería: aumentar un 16% o gasto público que se leva este hospital, malia terse reducido en oito mil as persoas a atender na área sanitaria e que servizos como neurofisioloxía, neurocirurxía ou tratamento de oncoterapia deixaron de ser prestados por este hospital”.

A este respecto, Martín chamou a atención sobre o feito de que “curiosamente estes doentes están sendo enviados ao hospital de Coruña, cun problema gravísimo para as persoas e para as familias que teñen que facer uns gastos importantes para atendelos correctamente”. Ou tamén sobre o caso de Ourense, cuxa área sanitaria, afirmou, “ten unhas listas de espera insoportables e van enviar doentes a Vigo, pero non ao Cunqueiro, senón a Vitas, outra empresa multinacional”.

Alertou tamén do medre do sector dos seguros sanitarios e calculou que neste momento, “probablemente máis do 20% da poboación galega ten seguros privados complementarios, para poder ser atendida”. Seguros que, segundo subliñou, “cobran unhas primas de 9, 15 ou 20 euros, que non cobren a asistencia real dos persoas” e que tamén teñen listas de espera de atención primaria e de atención especializada e que “cando unha persoa ten unha enfermidade grave ou complicada a derivan á sanidade pública”.

Por iso fixo un chamamento á participación masiva na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública o día 6 de abril, ás 12 da mañá, con saída da Alameda de Santiago e que está previsto que remate na Praza do Obradoiro. A plataforma considera que “a poboación galega ten dereito a expresar o seu malestar, o seu rexeitamento á actual situación, que vulnera o dereito á saúde e o dereito a unha asistencia sanitaria pública que pagamos con nosos impostos, aparte dos copagos que temos que facer e dos cartos que estamos a dar ás empresas privadas”.


sanidad pública /