Carmen Calvo recoñece que o Estado actúa pola presión das memorias galegas
- «Vostedes móvense na medida que nós nos movemos. Vostede está hoxe aquí porque nós movémonos hai unha semana. Se nós paramos, vostedes paran», díxolle Carlos Babío, portavoz de DEFENDE MEIRÁS, á ministra Carmen Calvo á entrada do Pazo de Meirás, no mesmo lugar onde unha semana antes tivo lugar a maior mobilización do memorialismo galego dos últimos quince anos.
- O Estado reúne á Xunta, á Deputación e os concellos de Sada e da Coruña en Meirás para facer unha foto e non dar solución ningunha ás demandas urxentes sobre a protección dos bens do Pazo nin ás demais demandas do movemento memorialista galego.
![Carmen Calvo recoñece que o Estado actúa pola presión das memorias galegas](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2021/06/Activistas-de-entidades-da-memoria-hoxe-fora-do-Pazo-coa-pancarta-das-vitimas-do-fascismo-na-comarca-da-Coruna-que-se-exhibiu-na-manifestacion-do-pasado-19X-1-950x0-c-default.jpeg)
«Vostedes móvense na medida que nós nos movemos. Vostede está hoxe aquí porque nós movémonos hai unha semana. Se nós paramos, vostedes paran», díxolle Carlos Babío, portavoz de DEFENDE MEIRÁS, á ministra Carmen Calvo á entrada do Pazo de Meirás, no mesmo lugar onde unha semana antes tivo lugar a maior mobilización do memorialismo galego dos últimos quince anos.
A ministra e vicepresidenta admitiu alí mesmo, antes do acto institucional, que o Goberno vai detrás das demandas das entidades memorialísticas do país e avanzou a Carlos Babío que se organizará unha homenaxe ás vítimas dentro de Meirás, despois de tela impedido hai unha semana e deixando, de novo hoxe, ás vítimas fóra do Pazo.
Á hora de redactar esta nota de prensa, rematado o acto institucional coa presenza de representantes do Estado, da Xunta, da Deputación da Coruña, e dos concellos de Sada e da Coruña, non temos noticia de que se teña producido anuncio oficial ningún en relación ás demandas que desde o movemento memorialístico galego se lle veñen exixindo ás Administracións: ampliar a protección de todos os bens do Pazo diante do novo intento de rapina dos Franco, desenvolver un acto en memoria das vítimas do fascismo e da represión franquista en Meirás, converter o espazo de memoria histórica e participación das asociacións de memoria na xestión dese futuro espazo.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a asociación Irmáns Suárez Picallo de Sada, a Alexandre Bóveda nin ningunha das principais asociacións de memoria do país agrupadas na IGM (que o xoves decidiu maioritariamente non acudir unha reunión da súa coordinadora) ou fóra dela tomaron parte no acto organizado a toda présa polo Estado.
A Ministra de Presidencia, Carmen Calvo, veu reiterar hoxe a declaración de onte do Secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, que se manifestou disposto a abrir “vías de cooperación coas entidades gallegas de memoria democrática”, segundo recolle a prensa do día. Mais esa colaboración estivo vedada até o pasado sábado, o día da manifestación do 19 de xuño, e as memorias seguen cuestionando a vontade real do Goberno para cooperar co movemento.