Redacción •  Galicia •  26/06/2022

O BNG apoia a oposición de Stop Eólicos Xurés Celanova contra o polígono no Monte Grande e a LAT de Greenalia

  • O BNG da comarca Terra de Celanova-Baixa Limia e o BNG de Celanova chaman á veciñanza a se sumar á campaña de alegacións contra os dous proxectos e piden que a Xunta rexeite os estudos de impacto ambiental e as autorizacións de construción.
  • As nacionalistas apostan por non construír o polígono nin a LAT, que fan parte dunha mesma infraestrutura para sacar enerxía do país para beneficio privado, e reclaman a declaración dunha moratoria e a revisión do Plan Sectorial Eólico.
O BNG apoia a oposición de Stop Eólicos Xurés Celanova contra o polígono no Monte Grande e a LAT de Greenalia

O BNG da comarca Terra de Celanova-Baixa Limia e o BNG de Celanova asinarán e rexistrarán as alegacións presentadas pola plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova contra os proxectos de Greenalia: parque eólico Fonsanta, situado nos concellos de Bande, Rairiz de Veiga e Verea; e LAT 132 kV SET Lamas-SET Fonsanta e LAT 220 kV SET Fonsanta-SET Frieira, situadas nos concellos de Calvos de Randín, Porqueira, Bande, Verea, Celanova, Quintela de Leirado, Padrenda e Pontedeva.

O BNG da comarca Terra de Celanova-Baixa Limia e o BNG de Celanova consideran que estas infraestruturas eólicas fan parte dun plan de extración de recursos que na Galiza só deixan impactos ambientais, paisaxísticos e patrimoniais irreversíbeis e afeccións á saúde das persoas. E lembran que nunhas comarcas excedentarias en produción de enerxía eléctrica pola presenza de grandes encoros non está xustificada a necesidade social destas novas instalacións industriais, política que só obedece ao afán das grandes corporacións por controlar territorio e seguir espoliando os recursos do país para beneficio privado, coa colaboración e complicidade da Xunta de Galiza e outras institucións.

Polo tanto, o BNG solicitará o rexeitamento da autorización de construción do polígono eólico no Monte Grande e da LAT de Greenalia e dos correspondentes estudos de impacto ambiental.

Como subliña a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, no caso do proxecto do parque eólico no Monte Grande (como acontece tamén no proxecto no Monte da Neve), existe unha afección severa a humidais e a paraxes ribeiregas que reúnen características higrófilas. Ademais de danos ás masas consolidadas de frondosas de bosque galego autóctono e carballeiras.

En canto a Liña de Alta Tensión que afecta a oito concellos (seis deles nas nosas comarcas: Bande, Verea, Celanova, Quintela de Leirado, Pontedeva e Padrenda, ademáis da afección a un núcleo de Gomesende), o BNG subliña que o tendido proxectado estaría moi próximo ás localidades de Güín, Carpazás e Trarigo en Bande; Vieiro, Portela e Fontechide en Verea; Miranzo, Moimenta, Orbán e O Pereiro en Celanova; Ataínde e Quintela, en Quintela de Leirado; Abellás en Gomesende; Aldea de Deva en Pontedeva; e Grixó, As Lamas, Ameán, Lordelo e A Agra en Padrenda.

O BNG insiste en que a oposición veciñal e notábel nos concellos ameazados por polígonos eólicos e vai en aumento no caso dos afectados pola LAT en toda a comarca. E volve pedir a declaración dunha moratoria á construción e tramitación de novas infraestruturas eólicas no país até a revisión e modernización do Plan Sectorial Eólico como marco para un futuro desenvolvemento eólico planificado, sostíbel, participado e público.


eólicas /