Ana Pontón: “O BNG negociará un goberno alternativo á dereita coa mellor vontade pero tamén coa maior firmeza a favor de Galiza”
O escano do Bloque será decisivo para frear ao PP pero non será un “cheque en branco”: porá a axenda galega no centro da política estatal
24/XUL./23.
A portavoz nacional, Ana Pontón, reiterou hoxe que o BNG está disposto a chegar a un acordo para conseguir que haxa no Estado un goberno alternativo á dereita, pero advertiu que tamén negociará coa determinación de conseguir facer valer a axenda galega sabendo que o “escano reforzado” do BNG vai ser decisivo na política estatal.
“Nós non queremos un goberno da dereita e tampouco que haxa repetición electoral e por iso imos negociar coa mellor das vontades, pero tendo moi claro que nós non entregamos un cheque en branco a ninguén e que o escano do BNG vai servir para que a axenda galega avance en Madrid”, asegurou tras a reunión da Executiva do BNG para analizar os resultados do 23X. “O BNG vai negociar coa mellor vontade dun goberno alternativo á dereita pero coa maior firmeza a favor de Galiza”, reiterou.
Pontón agradeceu a confianza de todxs xs galegxs que depositaron a súa confianza no BNG e afirmou que “todos e cada un deses votos van servir para que teñamos unha voz forte en Madrid que defenda os nosos intereses, a axenda galega, e que traballe claramente en favor das liberdades, os dereitos e a democracia”.
Como fixera na noite electoral, recoñeceu que o BNG non cumpriu as expectativas que se marcara nestas eleccións, pero subliñou que nun contexto marcado polo bipartidismo e logo dunha “campaña desigual e moi centralista” na que apenas se falou dos temas que preocupan a Galiza, o Bloque é unha forza que segue subindo, con 30.000 votos máis e un incremento dun 25 % nos apoios recibidos respecto ás últimas xerais.
“Fora do bipartidismo só hai dúas forzas políticas que soben, e o BNG é unha delas; no contexto galego, á marxe do que representa o PP, somos a única forza que sobe en número de votos e na porcentaxe que representan ”, apuntou
En reposta ás preguntas dos xornalistas, a líder do Bloque rexeitou facer extrapolacións dos resultados do 23J e lembrou que nas eleccións de 2019 o BNG obtivo un escano no Congreso e posteriormente nas galegas conseguiu situarse como segunda forza no Parlamento do País, triplicando os resultados. “O BNG está forte, segue subindo e somos a forza que representa esa ansia de cambio. Imos seguir traballando para facer historia e que Galiza teña por primeira vez unha presidenta do BNG e as mans libres para defender os intereses dos galegos”.
A portavoz nacional subliñou así mesmo que o Bloque está preparado para calquera adianto electoral. “Estamos en forma, somos unha organización sólida que representa e cataliza a maioría que quere un cambio en clave galega”, contestou aos xornalistas que lle preguntaron sobre un posible adianto dos comicios galegos. “O que teño claro é que o presidente Rueda vainas convocar cando lle conveña ao PP, non cando lle conveña a Galiza”, considerou.
“O que estamos vendo é que o PP nos está deixando unha Galiza que vai a menos, en emprego para a xente moza, no sector industrial, na sanidade, na educación, na lingua e na cultura, e tamén nas liberdades públicas e liberdades. E o BNG o que quere é unha Galiza que vaia a máis, que aproveite as súas potencialidades, e para eso lle pediremos a confianza aos galegos”, engadiu
Apoio ás vítimas do accidente do Alvia
Ana Pontón comezou a súa intervención ante os medios trasladando “todo o cariño e afecto” do BNG ás vítimas do accidente do Alvia, do que se compren dez anos. “Estamos con elas na súa reivindicación de xustiza, verdade e reparación”, manifestou. “É indignante que dez anos despois as vítimas sigan pendentes de que se faga xustiza, que dez anos despois haxa un muro de silencio para tapar as responsabilidades políticas e de Estado no maior accidente ferroviario do país”, engadiu, para reiterar o compromiso do BNG “para chegar ata o final custe o que custe” na depuración de responsabilidades sobre a traxedia ferroviaria.