Redacción •  Galicia •  26/08/2021

CCOO-Ensino rexeita o relaxamento das medidas covid nas aulas

A Federación do Ensino de CCOO de Galicia rexeita o relaxamento das medidas covid nas aulas, tal como propón a Consellaría de Educación. O sindicato denuncia que o borrador presentado na mesa sectorial é «un corta e pega» do protocolo do 4 de novembro do ano pasado, «pero empeorado».

CCOO-Ensino rexeita o relaxamento das medidas covid nas aulas

Entre as medidas que inclúen está a diminución da distancia de seguridade a 1,2 metros. CCOO oponse «para non pór en perigo a saída da pandemia, para non aumentar as ratios e para manter o emprego».

Segundo o sindicato, o obxectivo da Xunta de Galicia, con esa menor distancia de seguridade, é introducir máis alumnado por aula, anular moitos desdobramentos de unidades e recortar profesorado, polo que entenden que é o «criterio economicista» —e non o sanitario— o que motiva as decisións da Administración.

Para CCOO, «non sobra profesorado». É máis, o sindicato insiste en que cómpren máis contratacións, porque no último curso os efectivos foron «insuficientes», especialmente en infantil e primaria.

Volta segura ás aulas

CCOO-Ensino reclama unha «volta segura» ás aulas, con calidade educativa e fortalecendo a equidade. O sindicato tamén reivindica máis persoal de limpeza para reforzar a prevención fronte á covid, especialmente naqueles centros educativos que só teñen unha persoa para estes traballos.


CCOO /  CCOO Galicia /  CCOO-Ensino /  coronavirus /  COVID-19 /  ensino público /  Xunta de Galicia /