O Bloque reclama á Consellería do Mar a adopción de medidas que permitan a recuperación do polbo nas augas galegas
- A deputada Rosana Pérez urxe actuar para evitar fortes restricións nas capturas e que o sector se teña que refuxiar noutras artes e especies.
- Nas últimas semanas as vendas en lonxa baixaron un 60 % respecto ao ano pasado e os comercializadores recorren cada vez máis á importación.
A deputada do BNG Rosana Pérez vén de presentar no Parlamento galego unha serie de iniciativas para reclamar á Consellería do Mar a adopción de medidas que eviten a escaseza de polbo en augas galegas, logo de terse corroborado de novo a caída de capturas na campaña actual. “É moita hora de establecer medidas que eviten que o polbo se converta noutra especie sometida a fortes restricións de capturas e que o sector se teña que refuxiar noutras artes e especies”, advirte.
Rosana Pérez critica que máis aló da ampliación do período de veda reclamada polo sector tras os nefastos resultados e as enormes perdas económicas da campaña do polbo de 2020-21, cando o polbo practicamente desapareceu das augas galegas, non se coñecen outras medidas para evitar a escaseza desta especie e contribuír a unha explotación da mesma máis sustentábel.
“Tanto é así que no Plan Experimental para a xestión do polbo 2023-24, que se iniciou o pasado 19 de maio, increméntanse as cotas máximas de captura”, expón a deputada do Bloque, que subliña, neste sentido, que no que vai de campaña moi poucos profesionais puideron acadar o tope establecido.
A situación de escaseza, engade, está levando a que un número importante de profesionais abandonen esta pesquería e, do mesmo xeito, está provocando que os comercializadores teñan que acudir cada vez máis á importación doutros países.
Segundo os datos de Pesca de Galicia, expón o Bloque nas súas iniciativas, as vendas en lonxa caeron un 60 % nas últimas semanas respecto ao pasado ano. Malia a realidade que amosan as cifras, nada se sabe dos plans con medidas técnicas para ordenar a actividade da frota dos que fala o titular da Consellería do Mar, denuncia Rosana Pérez.
Salienta, ademais, que a veda “comeza e remata en moitos casos co polbo ovado, o que compromete os resultadas da campaña en curso e mesmo o das seguintes.
Nas súas iniciativas, o Bloque empraza ao Goberno galego en primeiro lugar a levar a cabo os estudos necesarios para determinar as causas da escaseza de polbo nas augas galegas. E, de acordo co sector, a revisar as condicións a establecer no Plan Experimental no que se refire, por exemplo, a número de nasas, cotas máximas de captura, período de veda e control ou medidas contra o furtivismo.
O BNG defenderá así mesmo no Parlamento que se habiliten e incrementen as medidas de cobertura económica ao sector ante paralizacións temporais das capturas, extensión da veda ou calquera outra decisión de recuperación da especie.