Redacción •  Galicia •  26/10/2023

Dúas novas xornadas de folga total en Vitrasa en resposta ás sancións da empresa a unha ducia de traballadores/as

Haberá mobilizacións diante do Concello os días 8 e 9 de novembro pola mañá e unha manifestación o día 9 pola tarde.

Dúas novas xornadas de folga total en Vitrasa en resposta ás sancións da empresa a unha ducia de traballadores/as

O cadro de persoal de Vitrasa acordou onte en asemblea convocar dúas novas xornadas de folga de 24 horas para os vindeiros días 8 e 9 de novembro, que se veñen sumar á prevista para este mércores día 1, para rexeitar as sancións da empresa a unha ducia de traballadores/as. Ao mesmo tempo, aproveitará os paros para desenvolver mobilizacións pola mañá diante do Concello e pola tarde percorrerá as rúas da cidade en manifestación.

O comité de empresa da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo levou a cabo unha asemblea de traballadores/as para abordar o novo escenario que se abre no conflito laboral tras as sanción de 60 días de suspensión de emprego e soldo imposto pola dirección a unha ducia de traballadores/as (9 deles/as membros da representación sindical) por facer cumprir os servizos mínimos durante a folga que tivo lugar coincidindo co festival O Marisquiño. 

No encontro decidiuse, ademais de convocar dúas novas xornadas de folga total que se suman á prevista para este mércores día 1 de novembro, desenvolver concentracións diante do consistorio os días 8 e 9 de 10:00 a 11:00 horas e unha manifestación o día 9 que partirá da Praza dos Cabalos ás 19:00 horas para percorrer a Gran Vía, Urzaiz, Colón e rematar no Areal.

Ao mesmo tempo, o comité -integrado pola CIG, UGT, USO e CCOO- vai realizar nos vindeiros días unha consulta entre o persoal de Vitrasa para abordar a posibilidade de “endurecer” as mobilizacións

Ademais, dende a representación sindical consideran “rechamante” que o alcalde de Vigo se solidarice co persoal de Madera Fiber “esixíndolle ao presidente da Xunta que se involucre no conflito porque é a súa obriga” e afirmando que “non pode escorrer o vulto e agocharse” e que “se isto fose competencia do Concello xa estaría arranxado”. Neste censo, lémbranlle ao rexedor olívico que o transporte urbano da cidade “si é única e exclusivamente competencia do Goberno local”.


CIG /