Redacción •  Galicia •  26/10/2024

BNG logra aprobar no Parlamento un plan de rehabilitación e de posta en valor do mosteiro de Santa María de Monfero

  • Xosé Manuel Golpe manifestou que é necesario que todas as administracións, especialmente a Xunta, rehabilitar e poñer en valor o conxunto patrimonial e restaurar a súa historia.
BNG logra aprobar no Parlamento un plan de rehabilitación e de posta en valor do mosteiro de Santa María de Monfero

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Manuel Golpe, presentou na Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo unha Proposición Non de Lei para a impulsar un plan para a rehabilitación e posta en valor do Mosteiro de Santa María de Monfero e para a súa inclusión nos itinerarios turísticos, así como a procurar as vías para facerse coa titularidade do conxunto patrimonial.

Golpe salientou que o mosteiro forma parte do catálogo de Bens de interese cultural da Galiza, “o que se contradí co seu penoso estado actual, de abandono total, do que apenas se salva a igrexa”, que mantén un certo grao de conservación suficiente para realizar o culto.

Denunciou que a Xunta da Galiza non só non dedicou desde o ano 2003 “ningún esforzo á rehabilitación” e posta en valor do conxunto patrimonial, senón que «abandonou igualmente calquera obriga de divulgación e restauración da súa historia e mesmo da súa existencia”, até o punto de causar estupor a todas as persoas que chegan a coñecelo.

Para o BNG a potencialidade turística dun semellante monumento resulta máis que evidente, así como o feito de constituír xunto co Parque das Fragas do Eume, un conxunto da primeira orde mundial, “que ben explotado podería financiar o seu mantemento e conservación así como servir de fonte de riqueza para toda a comarca do Eume” destacou o deputado nacionalista.

“O Mosteiro de Santa María de Monfero é un dos monumentos máis impresionantes de Galiza, polas súas dimensións, pola fermosura do lugar no que se atopa, no corazón das Fragas do Eume, así como pola historia que o atravesa, que dun xeito ou doutro foi deixando a súa pegada no propio mosteiro” salientou.

Unha historia que inclúe nos últimos 100 anos unha primeira declaración como Monumento histórico-artístico polo goberno republicano, un posterior intento fracasado, durante os anos 50 do século XX, de trasladar a fachada da igrexa a San Pedro de Mezonzo na Coruña, e no ano 2003 unha cesión de usos á Xunta de Galiza por un período de 50 anos por parte do seu actual titular o Arcebispado de Santiago de Compostela.

A iniciativa do Bloque Nacionalista Galego foi aprobada por unanimidade.


patrimonio /