Redacción •  Galicia •  26/12/2024

Demandan abordar a problemática da asistencia sanitaria a persoas reclusas no servizo de atención primaria de Curtis

A comisión de centro da Coruña e Cee rexistrou o pasado luns un escrito na Consellaría de Sanidade solicitando de novo unha xuntanza co conselleiro.

Demandan abordar a problemática da asistencia sanitaria a persoas reclusas no servizo de atención primaria de Curtis

A comisión de centro de atención primaria da área sanitaria de A Coruña e Cee rexistrou o pasado luns un escrito na Consellería de Sanidade solicitando, novamente, unha xuntanza urxente co conselleiro para abordar a problemática derivada da asistencia a persoas reclusas do centro penitenciario de Teixeiro por parte de profesionais da área sanitaria.

Dende a representación do persoal sinalan que a área sanitaria da Coruña e Cee, e concretamente o servizo de atención primaria de Curtis, presta asistencia ás persoas reclusas de Teixeiro a pesar de que o centro conta con dotación de profesionais sanitarios propios, “situación que supón un grave problema tanto para a seguridade das persoas usuarias dos centros sanitarios como para as propias persoas traballadoras”. 

Polo que, tras o “silencio recibido” tanto por parte da Xerencia da área sanitaria da Coruña e Cee como polo propio conselleiro de Sanidade ante as solicitudes de xuntanza presentadas con anterioridade, a comisión volveu entregar un escrito este pasado luns día 23 “agardando que se nos convoque na maior brevidade posible para poder dar traslado da situación e buscar unha solución a esta problemática”.


CIG /