Os datos da EPA do terceiro trimestre de 2023 amosan unha forte contracción do mercado laboral
- A poboación activa e a ocupada reducíronse nun período no que medraron as desigualdades sociais e a pobreza laboral.
Os datos da Enquisa de Poboación activa (EPA) do último trimestre de 2023 amosan unha forte contracción do mercado laboral galego: a poboación activa redúcese en case 8000 persoas (un 0,6%), redución que se reflicte tanto na caída da poboación ocupada como na parada.
A nivel sectorial, a redución da ocupación prodúcese en case todos os sectores, rexistrándose 5500 persoas ocupadas menos no cuarto trimestre do ano pasado con respecto ao trimestre anterior. En termos absolutos, o maior descenso da ocupación tivo lugar no sector servizos (con 8700 persoas menos), seguido da construción (1800 menos). O descenso da ocupación afectou exclusivamente as persoas asalariadas, atinxindo as 15.700 persoas, un 1,7%.
Diante disto, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, sinala que “a pesar da campaña de propaganda do Goberno central e da Xunta, se se analizan os datos polo miúdo atopámonos con que non son tan positivos como se quere facer ver, xa que amosan un aumento das desigualdades sociais e da pobreza en Galiza”. Neste contexto, o avellentamento da poboación e o avance da desertización industrial condenan a xente nova, “a máis preparada da historia do país”, a ter que emigrar por falta de emprego.
A EPA tamén evidencia problemáticas que a CIG leva tempo denunciando, e que teñen que ver coa non derrogación das últimas reformas laborais. Como por exemplo o incremento do número de persoas que teñen un contrato a tempo parcial, mentres que a contratación a tempo completo se reduce.
Isto provoca que moitas persoas non reciban un salario íntegro precisamente nun momento no que a carestía da vida se atopa nos niveis máis altos dos últimos 30 anos. “En consecuencia, un número moi importante de traballadores/as, moitos deles/as incluso con estudos universitarios, viven no limiar da pobreza a pesar de ingresar un soldo”, denuncia Sío.
Tamén se pode observar como a fenda salarial de xénero segue vixente, amosando que as mulleres teñen menos posibilidades de atopar un emprego e de que este teña unhas condicións dignas. De feito, son as mulleres as que continúan a padecer en maior medida a contratación a tempo parcial.
Esténdese a contratación fixa descontinua
Ao mesmo tempo, a contratación fixa descontinua esténdese cada vez máis, até o punto de que se incrementou un 125% dende o ano 2021. E medran os despedimentos e redúcese a contía das indemnizacións como consecuencia das reformas laborais. De feito, as rescisións de contrato sen superar o período de proba multiplicáronse por 10, o que na práctica supón unha modalidade de despido libre e gratuíto, xa que carece de indemnización. “Trátase dunha artimaña da que bota man a patronal para escapar da reforma laboral e que afecta ás persoas en situación de maior precariedade laboral”.
O responsábel sindical incide en que esta realidade desmonta o suposto aumento da estabilidade no emprego. “Por non falar, ademais, que o Estado español ten a taxa de paro máis alta de Europa, a moita distancia do segundo país, que é Grecia”.
En consecuencia, urxe a necesidade de aplicar políticas públicas encamiñadas a reducir un desemprego “insoportábel”, xa que a taxa de paro do Estado español é o dobre da media europea. “Mais é esencial que os postos de traballo que se creen teñan unhas condicións dignas; non chega con que sexa emprego indefinido, ten que ser a tempo completo e cuns salarios xustos”.
Precisamente para enfrontar esta situación que atravesa o mundo do traballo e desmontar a propaganda gobernamental a CIG vén de anuncia a posta en marcha dunha campaña de información nos centros de traballo e de mobilización na rúa baixo o lema ‘Stop precariedade. Traballo digno’.
A iniciativa dará comezo de xeito oficial o vindeiro xoves 1 de febreiro coa celebración dunha asemblea nacional de delegados/as en Santiago, tras a que terá lugar unha manifestación até a sede da Xunta en San Caetano.