Redacción •  Galicia •  27/01/2025

BNG reclama á Xunta medidas estruturais na vez de parches estacionais cos que pretende ocultar o deterioro da sanidade

Montse Prado critica un propagandístico plan invernal 24-25 que prioriza a atención ás patoloxías respiratorias a costa de deixar de atender outras.

“Os colapsos polo aumento de procesos respiratorios soluciónanse con planificación e recursos, o que nin preocupa nin ocupa ao PP”, denuncia.

O Bloque interpelará ao conselleiro de Sanidade no próximo Pleno do Parlamento sobre os medios destinados a este plan específico de inverno.

BNG reclama á Xunta medidas estruturais na vez de parches estacionais cos que pretende ocultar o deterioro da sanidade

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, reclama á Xunta “medidas estruturais” para dar resposta aos colapsos no servizo galego de saúde derivados do aumento de procesos respiratorios propios desta época do ano, na vez de aplicar “meros parches” cos que pretende ocultar a situación de deterioro na que se atopa a sanidade pública.

“É máis que constatábel que estamos ante un problema estrutural que vai máis aló dos picos estacionais”, advirte Prado, quen apunta que os colapsos polo aumento de procesos respiratorios “soluciónase con planificación e recursos, cuestións das que o PP nin se ocupa, nin se preocupa”, denuncia.

Neste sentido, a deputada nacionalista cualifica de “novo exercicio de publicidade” do Executivo de Alfonso Rueda o anunciado plan invernal 2024-2025, dado que só contempla “meros parches” consistentes en atender a patoloxía respiratoria “deixando de atender as outras patoloxías”. “Vestir un santo para desvestir outro”, sintetiza.

Só así se pode considerar, afonda, a modificación de axendas en Atención Primaria para priorizar as patoloxías respiratorias “a costa de seguir aumentando as listas de espera do resto de patoloxías”, a intensificación de tratamentos nos PACs “para evitar derivacións aos servizos de urxencias hospitalarias” ou a axilización de altas que non estaban previstas “para deixar camas libres ou derivalas para hospitalizacións a domicilios”.

Prado advirte que o Goberno do PP tamén prefire agardar a que haxa saturacións para habilitar camas e contratar persoal ou derivar doentes a centros privados. “Medida estrela -engade- a de saber cantos antigripais e test venden as farmacias sentinela, o que significa -alerta- facer un seguimento da automedicación das galegas e dos galegos, na vez de poñer en marcha un sistema de vixilancia epidemiolóxica pública”.

Neste contexto, e logo que o PP vetara a comparecencia do conselleiro de Sanidade para informar das medidas do plan de saúde invernal, o BNG levará ao próximo Pleno do Parlamento unha interpelación ao titular deste departamento autonómico para que dea conta, en primeiro lugar, dos recursos mobilizados, a maiores dos ordinarios, a cargo deste plan, co correspondente orzamento e número de profesionais contratados, tanto por categorías, como por centros, e por canto tempo.

E, en segundo lugar, para que explique que medidas estruturais ten previsto poñer en marcha a consellería para dar resposta real aos problemas que sofre a sanidade pública e que permitirían atender sen colapsos as patoloxías estacionais, toda vez que en 16 anos, recalca, “o  PP non ten posto en marcha ningunha medida estrutural”.

“Moi ao contrario, basea a súa política sanitaria en dar unha imaxe de normalidade que ninguén ve, a base de minimizar, ignorar ou mentir sobre a verdadeira situación de deterioro e falta de profesionais e recursos, da marea de desatención que está arrasando a saúde dos galegos e das galegas”, conclúe.       


BNG /