Redacción •  Galicia •  27/02/2022

CCOO apoia as mobilizacións dos traballadores e traballadoras do Hotel Balneario do Tremo en Brión

  • O persoal que traballa no Hotel Balneario do Tremo concéntraronse hoxe sábado para esixir a súa subrogación ou ben que os indemnicen pola rescisión dos seus contratos.

CCOO apoia as mobilizacións dos traballadores e traballadoras do Hotel Balneario do Tremo en Brión

Tras a pancarta e os canticos: «Ramón escoita, seguimos en loita», traballadores e traballadoras do Hotel Balneario do Tremo, no concello de Brión, concéntranse para esixir a súa subrogación. A protesta tivo lugar fronte ao propio hotel entre as 13 e as 14 horas.

Segundo informa CCOO, sindicato que asesora os traballadores, a empresa —anteriormente denominada Hotel Balneario de Compostela— pechou a comezos do ano 2021 no marco dun procedemento concursal previo á liquidación da sociedade. Contaba nese momento cun cadro de persoal de aproximadamente trinta persoas.

O proceso concursal pechouse o 21 de maio. Menos dun mes despois, o 17 de xuño, rexístrase a nova sociedade Hotel Balneario do Tremo, que se fai cargo das instalacións e contrata só unha parte do persoal que previamente había, sen subrogarse nas súas condicións de traballo.

CCOO apoia os traballadores e traballadoras nas súas reivindicacións, esixindo que a nova sociedade —que comparte mandatarios, apoderados, socios e colaboradores do grupo de empresa matriz da anterior— se faga cargo das obrigas adquiridas pola empresa extinguida. En resumo, que readmita a totalidade do persoal ou ben proceda ao pagamento da indemnizacións correspondentes a un despedimento improcedente.


movilización /