Redacción •  Galicia •  27/02/2025

Pontón pide a Rueda que non traizoe a Galiza por submisión a Génova e acepte a quita de 4.010 M€ negociada polo Bloque

  • “O BNG xa fixo o traballo difícil, faga vostede o fácil asinando a condonación da débeda e se lle parece pouco, negocie máis que terá o noso apoio”, alega.
  • Reclama topar os prezos de aluguer, declarar zonas tensionadas e limitar as vivendas turísticas para facilitar o acceso á vivenda a prezos razoables.
Pontón pide a Rueda que non traizoe a Galiza por submisión a Génova e acepte a quita de 4.010 M€ negociada polo Bloque

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediulle ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que “non traizoe a Galiza” pola súa “submisión» ao PP de Madrid e acepte a quita da débeda de 4.000 millóns de euros negociada polo Bloque no acordo de investidura que servirían para mellorar a sanidade, a atención á dependencia, a educación ou a vivenda.

“O BNG fixo o traballo difícil que é garantir que Galiza teña unha condonación da débeda de 4.000 millóns, faga vostede o fácil e acepte a quita e, se lle parece pouco, negocie máis, terá todo o noso apoio”, reclamoulle Pontón nunha sesión de control na que criticou a Rueda que estea disposto a que o País perda todos eses recursos por “servilismo” á rúa Génova cando hai grandes listas de espera na sanidade e na dependencia, pemes e autónomas que precisan axuda ou un “problema gravísimo” de acceso á vivenda.  

“É vostede o campión do servilismo e está traizoando os intereses deste País”, reprochou a un xefe do Executivo que cualificou como o “presidente máis antigalego da historia” -“o peor presidente da nosa historia”, recalcou-, dado que antepón os intereses partidistas aos de Galiza, incapaz ademais de tomar as súas propias decisións porque é o seu “xefe de filas”, Alberto Núñez Feijóo, quen as toma por el.   

Así, a portavoz nacional apoiouse en informacións xornalísticas para recordar como Feijóo impuxo ás comunidades gobernadas polo PP a negativa á condonación da débeda. “Nin tan sequera deciden no Consello da Xunta que llo deciden na rúa Génova, un escándalo de submisión”, recriminou.  

Por iso, reclamou a Rueda que “quite a camiseta do Partido Popular, deixe de obedecer as ordes do seu xefe de filas de Madrid e comece a exercer como presidente da Xunta”, comezando por non mentirlle aos galegos e ás galegas cando afirma que “unha redución da débeda do 33% non significa ter máis dispoñibilidade de recursos para a Xunta”, tentando así xustificar o seu servilismo ao PP de Madrid.

“Non esperaba ter que vir aquí a explicarlle ao presidente da Xunta o que é unha quita, é que isto é de primeiro de economía”, ironizou, para apuntar a continuación que o que lle pasa a Rueda é que “o cega o centralismo e a submisión a Madrid e non quere ver que é o que necesita este país”.

Neste contexto, a líder nacionalista desmontou unha a unha as “mentiras” nas que se escuda o titular do Executivo, a comezar por ese mantra de que a condonación socializa a débeda dos demais e que o que preocupa aos populares é a igualdade. “Onde estaba a súa preocupación pola igualdade cando o Partido Popular nos fixo pagar a todos e a todas o rescate bancario, señor Rueda? Onde estaba a súa preocupación pola solidariedade?”, cuestionou.

Pontón tamén confrontou a “segunda mentira” do PP que repite unha e outra vez que Galiza non necesita unha quita da débeda porque desenvolveu unha mellor xestión cando, na realidade, o certo é que o que fixo foi “recortar máis que ninguén facendo sufrir máis á xente deste país e deixarnos a débeda triplicada”.

E, por último, desbotou esa outra falacia de que Galiza non ten un problema coa débeda cando é a terceira partida de gasto máis alta da Xunta. “Pero vostedes coñecen os seus orzamentos? Saben canto imos pagar este ano pola débeda?”, interpelou á bancada do PP, para recordarlle a continuación que despois da sanidade e a educación, no que máis pagamos os galegos e as galegas é en amortizar débeda e en xuros da débeda. “Máis de 1.700 millóns de euros”, cifrou.

Polo tanto, se Galiza reduce un 33% ese pago, está liberando millóns de euros que poderá destinar á sanidade, á educación, á dependencia ou á vivenda, concluíu en boa lóxica a portavoz do BNG, quen puxo o foco nesta sesión de control, precisamente no grave problema de acceso á vivenda que hai no País, neste momento, a principal preocupación dos galegos e das galegas.

O PP, cómplice da grave situación de acceso á vivenda

“Sabe cantas vivendas poderiamos construír cos 4.000 millóns de euros da quita negociada polo BNG?”, cuestionou a Rueda, a quen acusou de ser “cómplice” da situación, dado que o PP pasou 15 anos “dinamitando a política social de vivenda” e, agora, se nega a declarar zonas tensionadas para poder controlar a suba dos alugueres.

A portavoz nacional tamén criticou aos populares a súa negativa a controlar o incremento das vivendas turísticas e mesmo a manter no rexistro da Xunta “vivendas que son ilegais”. “Esa é a súa política de vivenda, un bluf, un fracaso total cuxas consecuencias as paga a cidadanía”, afondou logo de lembrar que Galiza está á cola de emancipación, con miles e miles de mozos e mozas que non poden pagar unha vivenda porque “teñen que escoller entre pagar o aluguer ou comer”.

“Eu entendo que ao mellor, cando se vive en Monte Pío, no se coñecen cales son os problemas da vivenda”, ironizou Pontón, quen reclamou a Rueda que “aterre á realidade dos galegos e das galegas”, preocupados por non poder pagar un aluguer porque non chegan a fin de mes e “non por se as súas casas de veraneo teñen acceso directo á praia”, en alusión á polémica do chalé da parella de Núñez Feijóo en Moaña.

Diante da gravidade da situación para acceder a unha vivenda e ante o fracaso das políticas do PP, Pontón puxo sobre a mesa tres propostas moi concretas: declarar zonas tensionadas para controlar a suba dos prezos dos alugueres; retirar todas as vivendas turísticas ilegais que hai no rexistro da Xunta e establecer un tope ás vivendas turísticas por habitante.

Medidas que contribuirían no curto prazo a que a “vivenda sexa para a xente e non para substituír hoteis”, recalcou a portavoz do BNG, quen pediu ao titular do Executivo que “actúe” ante o descontrol de prezos que hai no País e se poña “do lado da xente que necesita unha vivenda”, concluíu.


financiación autonómica /