Redacción •  Galicia •  27/03/2025

Redondela conmemora o Día da Terra Palestina cunha marcha e diferentes actos

No vindeiro sábado, día 29 de marzo, Redondela será a sede da 4º Asemblea da Rede Galega pola Palestina, que comezará ás 11:00 h na Casa da Cultura.

Redondela conmemora o Día da Terra Palestina cunha marcha e diferentes actos

Esta xuntanza galega de colectivas e activistas pola Palestina rematará a primeira hora da tarde para dar paso á MARCHA POLA TERRA PALESTINA que partirá da Farola ás 18:00 h e concluirá coa plantación dunha oliveira diante do Multiusos da Xunqueira. Este acto, estará amenizado pola música de Berto Covelo e Antón Ke.

Toda a xornada do sábado, xunto coa concentración do día 24 (segunda feira de protesto semanal), están enmarcadas na Semana contra o Apartheid Israelita (SCAI). que neste ano comezou no 21 de Marzo, Día internacional para a Eliminación da Discriminación Racial, e continuará até o domingo 30 de Marzo, Día da Terra Palestina.

A SCAI 2025 coincide co 20 aniversario do Movemento de Boicotes, Desinvestimentos e Sancións a Israel (BDS): dúas décadas de firme resistencia popular, solidariedade interseccional e loita contra a complicidade internacional co réxime colonial sionista. O lema da SCAI “O poder do pobo fai do apartheid historia. RESISTE. LEVÁNTATE. DESCOLONIZA” convida todas as persoas a se mobilizaren masivamente e a participaren nos actos de apoio ao pobo palestino.


Palestina /