Redacción •  Galicia •  27/04/2022

A Valedora pide que se facilite á veciñanza a tradución dos documentos que Bay Wa redactou en inglés no proxecto eólico entre Celanova e Verea

  • A Valedora subliña que a información sometida a información pública debe ser comprensíbel para os seus destinatarios.
  • A queixa de STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA foi tramitada a través da Mesa pola Normalización.
  • A plataforma enviou a queixa a finais de decembro á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía en Ourense, mais o prazo de alegación rematou a finais de xaneiro sen rectificación.
A Valedora pide que se facilite á veciñanza a tradución dos documentos que Bay Wa redactou en inglés no proxecto eólico entre Celanova e Verea

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, insta á Xunta de Galiza a traducir os documentos presentados en inglés pola promotora do P.E. Monte da Neve, que afecta a Celanova e Verea, para garantir a participación pública como “elemento fundamental na avaliación ambiental” e en aplicación da Lei básica 21/2013 de 9 de decembro.

A Valedora resolve así unha queixa tramitada pola Mesa pola Normalización Lingüística a petición da plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA o pasado mes de decembro, na que se alertaba a respecto do uso dunha lingua NON OFICIAL na Galiza no anexo número 14 ao Estudo de Impacto Ambiental nas solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monte da Neve (expediente IN408A 2020/102).

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA agradece á Mesa e á Valedora do Pobo a súa dilixencia e sensibilidade para poñer freo ás prácticas das empresas promotoras, consentidas pola Administración autonómica, de poñer obstáculos á participación cidadá no proceso de avaliación de infraestruturas con impactos severos á paisaxe, ao patrimonio e ao medio natural, alén dos riscos evidentes e minimizados nos informes da parte empresarial que para a saúde da veciñanza ten en concreto este proxecto industrial.

“Tendo en conta que a documentación sometida a información ambiental no só debe ter a máxima difusión senón que debe ser comprensible para os seus destinatarios, o órgano substantivo, ou no seu caso, o órgano ambiental, deben incorporar esta información de xeito útil para o seu íntegro coñecemento aos efectos da información pública, optando por indicar en que páxinas do proxecto está integramente incorporada a tradución dos anexos en outras linguas non oficiais ou ben por publicar eses documentos traducidos a ambas linguas oficiais da comunidade autónoma”, di a Valedora do Pobo, nun escrito dirixido á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía en Ourense.

O escrito da Valedora ten data do pasado 18 e lémbralle á Xunta de Galiza que os órganos administrativos competentes na tramitación dos expedientes deste tipo de instalacións teñen a obriga de adoptar as medidas necesarias para garantir que a documentación que deba someterse a información pública “no só debe ter a máxima difusión senón que debe ser comprensible para os seus destinatarios”.

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA tamén alertou, o luns 27 de decembro de 2021, mediante un escrito rexistrado no Concello de Celanova e dirixido á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, advertindo do uso dun idioma NON OFICIAL na Galiza na documentación que se somete a información pública no proxecto de central eólica Monte da Neve.

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA recorda que os obstáculos á participación pública neste procedementos xa foron denunciados no recente informe do Consello da Cultura Galega sobre a invasión eólica. E tamén, que a través da plataforma EÓLICA ASÍ NON, esta denuncia presentarase tamén diante da Comisión Europea.


energía eólica /