Redacción •  Galicia •  27/06/2022

Recollida de alegacións en Xinzo contra a LAT de Greenalia e o proxecto da mesma empresa en Bande

  • A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova instalará unha mesa na Feira de luns, 27 de xuño na rúa San Roque coa rúa Toural.
Recollida de alegacións en Xinzo contra a LAT de Greenalia e o proxecto da mesma empresa en Bande

O prazo para o rexistro de alegacións contra os proxectos de Greenalia no Monte Grande en Bande e Verea (un polígono eólico de 12 aeroxeradores de 187 metros de altura) e a Liña de Alta Tensión entre Calvos de Randín e A Frieira, en Padrenda (42 quilómetros de tendido eléctrico e 240 torres de apoio que atravesan oito concellos) remata o próximo venres día 1 de xullo. A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova iniciou hai dúas semanas unha campaña de información e presentación de alegacións na fase de exposición pública de ambos proxectos denunciando a fragmentación fraudulenta dunha mesma infraestrutura eléctrica que invalida os estudos de impacto ambiental.

O polígono proxectado en Bande e a Liña de Alta Tensión (LAT) fan parte dun megaproxecto de Greenalia para invadir as montañas do suroeste ourensán entre o Xurés e o Miño. Nesta área, Greenalia ten proxectados 3 polígonos eólicos, alén da LAT. Hai outro polígono operativo, e Iberdrola ten os seus propios plans para ampliar cara o oeste o polígono do Larouco con 3 novos polígonos. Ademais, cada mes chegan noticias de novos polígonos: as máis recentes apuntan a outros dous polígonos en Rairiz de Veiga e Verea dentro da mesma área de aproveitamento eólico definida no Plan Sectorial.

Dentro desa campaña de información e recollida de sinaturas, Stop Eólicos Xurés Celanova disporá unha mesa este luns (entre as 11:30 e as 13:30 horas) no cruzamento da rúa San Roque coa rúa Toural. Na mesa, a veciñanza da Limia, que xa se mostrou especialmente activa na defensa do Larouco co combate contra a LAT de Iberdrola e na defensa da Aguioncha e Pena Loba na oposición (máis de 1.500 alegación rexistradas) contra o polígono Lamas de Feás, un dos proxectos de Greenalia e desde onde a empresa proxecta arrancar a LAT.

En oposición á LAT de Greenalia tamén se manifestou o goberno municipal popular de Porqueira, coa alcaldesa Susana Vázquez á cabeza. O Concello de Porqueira iniciou a semana pasada unha recollida masiva de alegacións entre a veciñanza, moi preocupada polos impactos da LAT sobre os mananciais e a saúde das aldeas máis próximas. A oposición é moi maioritaria entre a veciñanza de Paradela de Abeleda e Reboreda, e inclúe comunidades de montes e de augas, asociacións de veciños e tecores.

Na comarca da Limia, e diante da oposición veciñal tamén moi maioritaria en Feás e Lobás, os núcleos máis afectados polo polígono eólico de Lamas e a LAT, o goberno municipal socialista de Calvos de Randín tamén anunciou que presentaría alegacións contra a Liña de Alta Tensión. No resto de concellos afectados pola LAT, o goberno nacionalista de Verea publicou unhas alegacións que Stop Eólicos Xurés Celanova valora como «un exercicio de hipocrisía dun goberno municipal que non se opuxo ao P.E. Monte da Neve (Verea, Celanova) nin se opón polo momento ao P.E. Fontesanta (no Monte Grande en Bande), en período de alegacións, malia que os impactos que se prevén son moito máis graves»..


energía eólica /