Ana Pontón: “Galiza pode contar co BNG para unha saída xusta da crise”
“O noso proxecto pon a maioría social por diante das eléctricas, das petroleiras e da banca para construír un País no que vivir, traballar e con benestar social”, proclama ante unha ateigada Praza da Quintana.
Sentida referencia á vaga de lumes, que debe ser punto de inflexión para mudar o abandono por un rural vivo e para afrontar o cambio climático.
Desde a humildade, apela ás galegas e galegos para sumar cun BNG preparado para Gobernar e ter unha presidenta coas mans libres para defender o País.
Ante unha ateigada Praza da Quintana, a portavoz nacional, Ana Pontón, fixo unha intervención chea de contido político e de emoción, mesmo nas formas pois, nun xesto inédito, a líder do BNG prescindiu do atril para dialogar de xeito directo cos milleiros de persoas que enchían o emblemático espazo da capital de Galiza.
“Síntome especialmente emocionada de estar aquí con vós, sen mascaras, para celebrar que somos unha nación, que somos galegos e galegas republicanas e non súbditas dunha monarquía corrupta, para celebrar que a forza do noso amor non foi, non é e non será inútil”, arrancou a portavoz nacional, lembrando que foi precisamente “a forza dese amor” o que deu lugar ao BNG un 25 de setembro de 1982.
Tras repasar os acontecementos máis recentes dun ano “convulso”: vaga de lumes, crise de prezos, invasión de Ucraína, rearme militarista, cambios na Presidencia da Xunta…, Pontón indicou que estamos ante unha crise económica, social e ambiental, ante a que non cabe “resignarse”, porque hai alternativas para unha saída xusta desta crise de triplo cara.“O noso pobo pode contar co BNG para conseguir unha saída xusta e galega desta crise, -declarou-, porque temos un proxecto para unha saída xusta desta crise, para poñer os galegos e galegas por diante das eléctricas, das petroleiras e da banca; para desenvolver todo o potencial dunha Galiza rica, un proxecto a favor da clase traballadora, das persoas autónomas, da PEMES, para construír unha Galiza na que vivir e traballar, con benestar social”, sintetizou a líder nacionalista.
Neste sentido, reclamou “enfrontar con decisión os problemas do aquí e agora”, entre os que citou como blindar a sanidade pública cun atención primaria colapsada, apostar por un rural vivo para reverter o abandono e a despoboación do territorio, enfrontar a crise demográfica, frear a emigración da xente moza ou poñer o país a producir, “porque Galiza dá para máis que para o turismo”.
“O BNG ten un proxecto para demostrar que hai outra forma de facer política e hai outra Galiza posible, con confianza no noso e sabendo que non vai vir de fóra remedio ou esperanza porque a esperanza está aquí, a esperanza é Galiza”, salientou na súa intervención, advertindo que non se poden repetir os erros de 2009 e facer que esta crise a paguen, de novo, os de sempre, a maioría social.
Durante a súa intervención, Pontón abordou algúns dos retos pendentes, empezando pola emerxencia climática e o abandono do territorio que o converte en pasto das lapas.
A dor de ver Galiza arder
“Doe na alma ver como arde Galiza e, unha vez máis, quero enviar solidariedade e apoio ás persoas afectadas, ás que perderon as súas vivendas e a quen loita en primeira liña contra o lume, moitas veces en precario e poñendo en risco as súas vidas. Estamos con vós”, recalcou. Unha vaga de incendios, dixo, que debe ser un punto de inflexión.
“Hai que dicilo claro e sen medo: os incendios teñen responsábeis porque son froito do abandono, da falta de prevención e dun modelo forestal que é un polvorín, teñen como responsables os que queren desprotexer o noso medio para que uns poucos fagan negocio”, denunciou Pontón, desde un BNG que, como antídoto, aposta por un rural vivo e produtivo, “ordenar o territorio, desenvolver un monte multifuncional e prevención, prevención e prevención”, sabendo que a solución “non é dun día para outro”.
A portavoz nacionalista, neste sentido, criticou que a anunciada transición enerxética se teña revelado un fiasco por parte da UE e do Estado español. “Neste momento, esa suposta transición ecolóxica concrétase en medidas como encher con eólicos todos os montes e fondos mariños galegos”, criticou en contra do boom eólico depredador nas antípodas da proposta dun desenvolvemento eólico ao servizo do País. E reclamou seriedade para combater o cambio climático, “acaso non estamos vendo estes días, e ano tras ano, a que se nos ven enriba?”.
A enerxía ao servizo da maioría
Na súa intervención tamén fixo referencia á corrupción que emana desde Madrid, ao último episodio das “cloacas do Estado”, á monarquía trufada de corrupción, á “fuxida” de Feijóo da “desfeita” que deixa en Galiza; ao rearme imposto por EEUU cun aumento do gasto militar que o Bloque rexeita, é á invasión rusa de Ucraína, que Pontón volveu condenar sen deixar de reafirmar o antiimperialismo e o pacifismo do BNG. “Non máis OTAN, non máis bases, non máis gasto militar”, proclamou.
Tamén chamou a atención que, en lugar de traballar pola paz, a UE adopte sancións que non frean á guerra, “pero castigan á cidadanía europea”, afogada polos prezos, mentres unha presa de multinacionais se forran. Empresa pública galega de enerxía, tarifa eléctrica galega e acabar coa usura do lobby enerxético que, propón, debe pagar máis impostos, son as propostas a favor da maioría social, do tecido produtivo e das PEMES.
Todas as persoas refuxiadas importan
A líder do Bloque, que dada a conxuntura abordou o contexto internacional, subliñou que toda as vidas importan, “e non é decente un mundo no que hai refuxiados de primeira e de segunda”. Neste sentido, reclama investigar a masacre de Melilla e reafirma o seu compromiso cun “Sáhara libre”.
Son moitos os retos que urxe afrontar, recalcou, pero o BNG está preparado porque é unha forza cohesionada, ilusionada, con proxecto e liderado, “unha organización coa experiencia e a madurez necesarias para liderar un tempo novo para Galiza”, e as eleccións municipais son o primeiro paso nesa dirección.
De cara a lograr ese cambio real, Pontón tende a man a todas as persoas que levan este País na súa cabeza e no seu corazón, “para desde esa suma, desde esa unión de cada vez máis pobo, construír a Galiza que queremos e que merecemos. Presentémonos ante a cidadanía con convicción, con decisión, cun proxecto para mellorar as súas vidas e teremos un gran resultado”.
Construír un mundo igualitario
Neste sentido, a portavoz nacional fixo unha apelación desde A Quintana. “Quero que levedes unha mensaxe clara deste 25 de xullo: Imos a por todas, sen límites, porque non queremos poñerlle límites ao futuro de Galiza”, concluíu.
Pontón concluíu asegurando que estamos ante o nacemento dun mundo novo, “multipolar, das nacións e dos pobos que queren controlar o seu destino e avanzar sen submisións. Xogámonos avanzar ou retroceder e nós queremos apostar por un mundo igualitario, respectuoso co medio ambiente e feminista. O BNG quere participar na construción dese novo mundo que debe emerxer pese a todas as resistencias”, finalizou, destacando que, a diferencia doutros, “o BNG só rende contas ós galegos e as galegas, porque Galiza é o noso principio e o noso fin”.
Xenerosidade, humildade, portas abertas
“Temos que saír a gañar unha Galiza mellor e para conseguilo temos que ser moitos e moitas máis e, nese camiño, humildade, xenerosidade e ter as portas abertas e a man tendida a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón, en definitiva, chegar a cada vez máis cidadanía e sectores. Este é o noso mellor labor para a defensa de Galiza: un BNG cada vez máis forte, para dar resposta os retos deste tempo”.
Tras eses corenta anos, dixo en referencia á fundación en 1982, “hoxe estamos ante o BNG máis sólido e forte preparado para gobernar Galiza e construír un País con futuro. Nacemos para transformar este País e construír unha Galiza mellor”, proclamou.