Redacción •  Galicia •  27/08/2023

Volve pechar un parque de bombeiros de Vigo por falta de persoal ante a pasividade do Concello

  • A instalación de Coruxo permanecerá clausurada dende as 22:00 horas de onte até as 22:00 horas de hoxe ao haber só 12 efectivos operativos.
Volve pechar un parque de bombeiros de Vigo por falta de persoal ante a pasividade do Concello

A sección sindical da CIG no Concello de Vigo volve denunciar o peche dun dos dous parques de bombeiros da cidade, despois de que a instalación de Coruxo tivese que ser clausurada onte unha vez máis por falta de persoal. Está previsto que cando menos permaneza inoperativa até ás 22:00 horas de hoxe, o que significaría que permaneceu sen actividade durante unha xornada completa, estando unicamente operativos 12 efectivos dos 20 que establecen os mínimos fixados polo Goberno local.

Diante disto, dende a central sindical insisten no “desleixo” e na “falta de responsabilidade” do Goberno local que actúa con “total pasividade” á hora de buscar unha solución a un “problema crónico”, xa que o peche deste parque está a ser recorrente nos últimos meses.

Só hai dispoñíbeis 12 efectivos para toda a cidade dos 20 que figuran nos mínimos fixados polo Concello

“A Corporación municipal está a incumprir os mínimos de persoal que ela mesma aprobou para garantir de forma mínima a seguridade da cidadanía, pondo en serio risco a súa integridade e aumentando considerabelmente os tempos de resposta ante un sinistro ao deixar a cidade durante un período de 24 horas só cun primeira saída (un condutor, un mando e catro bombeiros)”, sinalan dende a CIG do Concello de Vigo. De xeito que a cidade conta nestes momentos unicamente con 12 efectivos dispoñíbeis dos 20 que contemplan os mínimos establecidos polo propio Concello.

Neste senso, lembran que as ofertas de emprego no servizo de bombeiros dos anos 2020-2021-2022 están aínda sen executar, mentres que a de 2023 -que podería estar xa en marcha- atópase paralizada. “Por se isto fose pouco, as bases das oposicións fican paralizadas no departamento de recursos humanos dende o 30 de xuño de 2022”.

Polo que lle reclaman ao Goberno local e ao seu máximo representante “que utilicen de forma responsábel a súa maioría absoluta para resolver dunha vez este problema crónico, abordándoo coa madurez e axilidade suficiente e poñéndoo de forma prioritaria na axenda municipal, unha axenda municipal chea de eventos con moito glamour e festividade”.


bomberos /