Redacción •  Galicia •  28/01/2021

Esquerda Unida pide á Xunta que rectifique no trato de favor ao sector da caza e denuncia esta situación ante a Valedora do Pobo

Esquerda Unida lembra que a responsabilidade de control das poboacións de animais salvaxes corresponde á Xunta de Galicia e lembra que o Partido Popular leva varios anos negándose sistematicamente a debater con expertos no Parlamento de Galicia como abordar o crecemento do número de xabarís no noso territorio e as afectacións á agricultura.

Esquerda Unida pide á Xunta que rectifique no trato de favor ao sector da caza e denuncia esta situación ante a Valedora do Pobo

Compostela, 28 de xaneiro de 2021. O martes 26 de xaneiro, logo de horas de agarda, a Xunta de Galicia publicaba no DOG as novas restricións adoptadas por mor do incremento dos casos de Covid-19 na nosa  Comunidade e que entrarían en vigor a penas dúas horas despois.

Entre esas medidas para facer fronte á crise sanitaria, atopábanse algunhas como a prohibición de desprazarse entre concellos ou a prohibición de reunirse con persoas non convivintes. Ademais en  sectores coma a hostalería, a cultura, o deporte, etc, a Xunta decidiu aplicar as restricións máximas coa prohibición de apertura de locais de ocio, bares, restaurantes, cafetarías, ximnasios, centros de deporte, teatros, salas de espectáculos e un longo etcétera.

Sen embargo, a Xunta de Galicia decidiu manter exención nas prohibicións para o sector da caza, xerando así un agravio comparativo co resto da sociedade. Así, o Decreto 8/2021 recolle no seu apartado Sexto excepcións ás restricións para a actividade cinexética do xabaril e o lobo, na que os cazadores poden desprazarse dun concello a outro e mesmo reunírense sen un límite concreto con persoas non convivintes.

Esquerda Unida entende que non é admisible que se manteñan diferentes criterios aos que se lle aplica ao resto da sociedade galega para permitir a actividade da caza. Unha situación que non só crea un agravio comparativo con outros sectores, se non que incrementa o risco de transmisión da Covid-19 de xeito irresponsable.

Esquerda Unida lembra que a responsabilidade de control das poboacións de animais salvaxes corresponde á Xunta de Galicia e lembra que o Partido Popular leva varios anos negándose sistematicamente a debater con expertos no Parlamento de Galicia como abordar o crecemento do número de xabarís no noso territorio e as afectacións á agricultura.

Ante esta situación, entendendo que se pon en risco a saúde da poboación e se crea unha situación de desigualdade con outros sectores, Esquerda unida vén de denunciar ante a Valedora do Pobo este problema para que a institución tome cartas no asunto.


caza /