Noa Presas: “O BNG leva no seu ADN a defensa e o impulso do medio rural e os nosos sectores produtivos”
- Noa Presas, Iago Tabarés e Sonia Vidal chaman a “facer historia” cunha mobilización masiva o vindeiro 18-F.
- Avanzan a protección e o impulso da vida no rural a través da prestación de servizos públicos de calidade e o apoio aos sectores produtivos como o agrogandeiro.
A organización nacionalista chama á veciñanza de Xunqueira de Ambía a participar do cambio político galego o vindeiro 18-F para reverter a situación de decadencia e illamento que sofren as comarcas do interior de Ourense e a falta de apoio aos sectores produtivos. Noa Presas, Iago Tabarés e Sonia Vidal -membros da candidatura do BNG- comprométense a impulsar desde a Xunta de Galiza medidas para mellorar os servizos públicos no rural e apostar polos sectores produtivos tales como o sector agrogandeiro.
No marco das eleccións ao Parlamento do vindeiro 18-F, a organización nacionalista realizou un encontro con gandeiros da localidade de Xunqueira de Ambía para trasladar as propostas do BNG no medio rural e para a defensa dos sectores produtivos.
Alén do máis, após este encontro, a veciñanza de Xunqueira puido participar no mitin do BNG contando coas intervencións da cabeza de lista, o número dous e a número 3 da candidatura. Noa Presas, Iago Tabarés e Sonia Vidal sinalaron a “oportunidade de facer historia” o vindeiro 18-F para que haxa un goberno de cambio galego pondo a unha muller nacionalista na presidencia da Xunta de Galiza.
“Esta localidade pode contribuír a facer historia por dous motivos: unha, ter por primeira vez unha deputada no Parlamento de Galiza de Xunqueira de Ambía; e, a segunda, que o BNG lidere o goberno galego” apuntan.
Ganas de cambio para protexer e impulsar o rural galego
“O BNG leva no seu ADN a defensa e o impulso do medio rural e os nosos sectores produtivos. Por iso apostaremos por apoiar o sector agrogandeiro -como sector estratéxico de Ourense- e garantir servizos públicos no rural. Vivir en Xunqueira ou na cidade de Ourense non pode ser un impedimento á hora de ter servizos públicos de calidade” evidencian.
“Hai cada vez máis persoas que queren un cambio e dan pasos adiante para que exista un cambio. O exemplo témolo aquí en Xunqueira de Ambía onde os compañeiros e compañeiras do BNG desta localidade van en aumento, xa non só a nivel orgánico senón tamén a nivel institucional” sinala Presas que agradece o “paso adiante” de Sonia Vidal e o resto de compañeiras.
Somos, continúa Presas, un proxecto político que se debe ás maiorías sociais e a este País. “Non serven receitas importadas doutras partes do Estado nin proxectos localistas que defenden intereses individuais. Fai falta un proxecto de País que crea neste País e que aposte polo equilibrio territorial” asevera Presas.