Unidas Podemos presenta unha PNL para a implantación de servizos ferroviarios de proximidade en Galicia
O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común presentou unha Proposición Non de Lei para a implantación de servizos ferroviarios de media distancia e proximidade en Galicia.
A proposta, xa rexistrada no Congreso dos Deputados a iniciativa do deputado e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, insta ao Goberno a poñer en marcha canto antes estas medidas para mellorar as conexións entre os municipios e cidades de Galicia, xa que, tralos axustes de horarios e servizos pola chegada do AVE, produciuse unha deterioración deste transporte con “efectos directos” no día a día das persoas.
Galicia en Común fai referencia ao impacto nas comarcas interiores de Lugo e Ourense e a un “desmantelamento” dos servizos ferroviarios en Galicia ao longo dos últimos anos. Tamén, ás areas de A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra que requiren da posta en marcha de trens de media distancia e proximidade pola concentración de poboación e mesmo por ser cidades universitarias.
“Todo iso incide de maneira negativa no desenvolvemento socioeconómico de comarcas enteiras e atenta contra os obxectivos declarados das administracións públicas con relación á sustentabilidade do transporte, a vertebración territorial e o reto demográfico”, sinala a formación na súa proposta.
“Moitos usuarios ven imposible conciliar o seu traballo e a súa vida persoal coas coberturas actuais. Galicia debe ofrecer un servizo de transportes de máxima calidade que reforce a conectividade en todo o territorio, ampliando horarios e creando un transporte de proximidade que impulse a cohesión social e que de verdade responda ás necesidades de mobilidade dos galegos e galegas”, sinala o deputado.
Podes ver aquí a nosa iniciativa.