Un posto totalmente vegano na Reconquista e que recada para unha causa social
- O grupo de persoas que conforman o centro social A Nubeira estarán presentes na rúa Oliva.
- Todos os beneficios serán revertidos en manter o novo espazo social no tempo para dar acubillo aos movementos sociais da cidade.

Por primeira vez na historia da festa da Reconquista de Vigo, un posto 100% vegano formará parte desta emblemática celebración e recadará todo o diñeiro para soster no tempo A Nubeira: o novo centro social da cidade que naceu coa vontade de dar acubillo a tódolos movementos sociais e de barrio da cidade.
A Nubeira instalará un posto na rúa Oliva, onde ofrecerá opcións gastronómicas sostibles e libres de produtos de orixe animal, ao tempo que recadamos fondos para unha causa social.
Este proxecto nace co obxectivo de achegar unha alternativa culinaria innovadora e respectuosa co medio ambiente á tradicional festa viguesa. Ademais, os beneficios obtidos destinaranse a manter viva A Nubeira, reforzando así o noso compromiso coa solidariedade e a xustiza social. Ninguén cobrará un só euro para beneficio privado, revertiremos toda a ganancia en facer a nosa cidade máis habitable.
«Apostamos por un modelo de festa máis inclusivo e sostible, no que todas as persoas poidan desfrutar dunha alimentación deliciosa sen renunciar aos seus valores», sinalan desde A Nubeira.
O posto contará cunha variedade de opcións vexetais inspiradas na gastronomía tradicional galega e latinoamericana, demostrando que é posible manter o sabor e a esencia da Reconquista cun enfoque máis ético e consciente, pero tamén con oco á diversidade manifesta nas rúas de Vigo.
Convidamos a toda a cidadanía a achegarse ao noso posto na rúa Oliva durante a celebración da Reconquista para degustar as nosas propostas e colaborar con esta causa solidaria.