Ana Pontón avoga por incrementar as relacións entre Galiza e Catalunya no ámbito económico e científico en mutuo beneficio
- “Queremos que as nosas empresas vendan máis e mellor aquí”, resaltou, nunha Catalunya que ocupa o 4º lugar no ranking comercial con Galiza.
- Encontro co presidente da Generalitat, Pere Aragonés, no que tamén abordaron a contribución das forzas nacionalistas e soberanistas na defensa das políticas sociais e liberdades e como freo á dereita e extrema dereita
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro institucional co presidente da Generalitat, Pere Aragonés, no que abordaron asuntos de interese para Galiza e Catalunya cun obxectivo claro por parte da líder do BNG: reforzar e incrementar as relacións no ámbito económico e da ciencia e innovación entre ambos territorios.
“Nunha situación de crise como a actual, no BNG temos o convencemento de que unha cooperación intelixente, que permita aproveitar sinerxías, sería moi beneficiosa para ambas nacións”, salientou a líder nacionalista, quen botou man dos datos para argumentar a súa posición, empezando polo feito de que Catalunya é o cuarto cliente por importancia do noso País dentro do Estado, en particular no sector da agricultura e de bens de equipo e consumo.
A isto, engadiu, o feito de que nos País catalán hai unha forte presenza de empresas de orixe e de capital galego, moitas delas agrupadas na Asociación de empresas galegas en Catalunya. Polo tanto, indicou, “no Bloque apostamos por unha política de colaboración e non de confrontación”. “Desde logo, trasladeille ó presidente Aragonés o interese do BNG en aumentar as relacións comerciais das empresas galegas en Catalunya, en definitiva, queremos que as nosas empresas venda máis e mellor aquí, sobre todo aproveitando a fortaleza de algúns dos nosos sectores produtivos”.
O outro ámbito que Pontón e Aragonés abordaron na reunión foi o da colaboración no ámbito científico e de I+D+i, “asunto clave porque o presente e o futuro pasan pola ciencia e pola innovación”, alegou. Neste sentido, a portavoz nacionalista destacou que xa existe unha significativa colaboración no ámbito académico das universidades, en particular en biomedicina, “que podemos ampliar porque en Galiza temos centros de referencia nesta área”, pero ao mesmo tempo explicou que o BNG ten “identificadas” outras áreas susceptibles de colaboración en mutuo beneficio.
Areas como o complexo mar-industria, o medio ambiente e a economía circular ou no terreo da automoción, por exemplo para reducir a pegada ecolóxica da produción apostando pola busca de materiais reciclables. A importancia que a líder nacionalista concede a ciencia e a innovación como base dun modelo económico sustentable fai que a axenda na capital condal inclúa tamén unha visita ao ICREA, institución referente en investigación, para coñecer de primeira man como funciona e como se organiza, tendo en conta que o BNG defende a creación dunha institución similar para Galiza, o INNOGAL, que tería como función a captación e retención de talento e a coordinación dunha estratexia de I+D+i adaptada ás necesidades do tecido produtivo e da sociedade galegas.
Igualmente, abordaron o funcionamento do sistema ferroviario de proximidade catalán, tendo en conta que a formación nacionalista defende a creación dunha empresa pública, GALITREN, para a xestión directa do transporte por tren de proximidade e media distancia, “que permita reverter a actual situación de recorte de liñas e horarios porque estamos falando do transporte do futuro”, alegou.
Cambio de ciclo en Galiza
A líder do BNG valorou co president a situación política de Galiza e, na posterior comparecencia cos medios, trasladou que está en marcha un cambio de ciclo, un cambio galego, e que a formación nacionalista está en condicións de disputarlle a hexemonía ao PP co reto e co obxectivo de liderar o próximo goberno da Xunta e que, “por primeira vez na historia, Galiza teña unha presidente nacionalista sen dependencias con Madrid e coas mans libres para defender os intereses dos e das galegas”.
No encontro, que se prolongou por máis dunha hora, abordaron a situación política no conxunto do Estado, en particular o papel das forzas nacionalistas e soberanistas na defensa dos dereitos e das liberdades e como contrapeso á dereita á extrema dereita. Neste sentido, ve con preocupación que superado o ecuador da lexislatura o goberno de PSOE-Unidas Podemos continúe sen cumprir compromisos como a derrogación da lei mordaza ou a recuperación dos dereitos laborais arrebatados polo Goberno do PP.
O encontro con Aragonés prodúcese semanas despois de que en abril a líder do Bloque mantivese unha reunión institucional co lehendakari Íñigo Urkullu. Como fixera naquela ocasión, a portavoz nacional agasallou ó presidente da Generalitat cunha reprodución de Sargadelos de Rosalía e unha edición do Álbum de estampas que Castelao realizou baixo o título de Nós.
Pola tarde, a líder nacionalista, acompañada polo responsable da Área de internacional da Executiva, Rubén Cela, manterán un encontro con galegos e galegas que residen en Barcelona que é, despois de Madrid, a que cidade que máis persoas procedentes de Galiza acolle.