BNG leva ao Parlamento un gran pacto de País pola vivenda
Aumentar a oferta de vivenda pública e regular a implantación de pisos turísticos, entre as propostas que Alexandra Fernández defenderá no Pleno.
O Grupo Parlamentar do BNG levará ao Pleno desta semana a proposta dun gran pacto de País en materia de vivenda co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade e calidade en Galiza. Aumentar a porcentaxe de vivenda pública, planificar a correlación entre usos residenciais e turísticos, fomentar a mobilización da vivenda baleira ou impulsar a declaración de áreas tensionadas serán algunhas das propostas que defenderá mañá no Pleno a deputada Alexandra Fernández.
Máis en concreto, a portavoz na materia do BNG propoñerá que a oferta de vivenda pública acade en Galiza o 5 % no ano 2040, dando prioridade á fórmula de adquisición, e rehabilitación de ser o caso, de inmobles baleiros en zonas de demanda de vivenda. Ademais, cómpre “priorizar nos investimentos e no desenvolvemento de solo o modelo de vivenda de promoción pública en réxime de aluguer”, tal e como se apunta na moción que presentará a debate.
O BNG considera así mesmo necesario solicitar a cesión gratuíta daqueles activos inmobiliarios de uso residencial da Sareb en Galiza que se atopen nun estado axeitado para tal uso e que se empracen en zonas onde exista demanda de vivenda.
A deputada nacionalista reclamará, por outra banda, a obrigatoriedade do título municipal de vivenda turística para aquelas que queiran ser incluídas no rexistro de empresas e actividades turísticas. Apunta, neste sentido, que é fundamental a “planificación territorial das VUT e a realización desde o Observatorio da Vivenda de Galicia dun estudo sobre a afectación deste tipo de vivendas, propondo medidas de actuación e orientacións específicas co obxectivo mitigar os seus impactos negativos”.
Outra das patas deste gran pacto de País pola vivenda é fomentar a mobilización da vivenda baleira. Na iniciativa, Fernández aposta por “desenvolver un marco regulador propio para abordar o problema co obxectivo de que os inmobles desocupados inxustificadamente se incorporen ao mercado inmobiliario e cumpran coa súa función social”.
Para a deputada, resulta imprescindible impulsar medidas impositivas que “graven o incumprimento da función social da propiedade das vivendas en ámbitos de acreditada demanda”, ademais de medidas para “mobilizar as vivendas baleiras, tendo en conta a demanda do ámbito e as capacidades económicas e tipo de propietario”. No debate da moción, fará tamén fincapé en “desenvolver o marco regulatorio do actual censo de vivenda baleira da Xunta para a regulación de obrigas sociais e criterios de transparencia”.
A portavoz de Vivenda do BNG proporá, como outro punto fundamental do pacto, “formular e efectuar dende a Xunta a primeira declaración de áreas tensionadas de Galiza, exercendo as súas competencias en materia de vivenda”, establecer unha rede de garantía de acceso e incorporar medidas que, a curto prazo, “palíen o actual colapso do rexistro de demandantes e a burbulla de prezos do alugueiro. Neste senso, proporase un aumento das axudas para esta fin, así como o desenvolvemento dun programa contra o desafiuzamento”.