Redacción •  Galicia •  29/01/2025

Galiza pechou o último trimestre de 2024 cunha forte perda de poboación activa e ocupada

Os datos da EPA deste período publicados hoxe amosan unha “preocupante” contracción do mercado laboral galego.

Galiza pechou o último trimestre de 2024 cunha forte perda de poboación activa e ocupada

Os resultados da EPA do cuarto trimestre de 2024 arroxan unha situación preocupante en Galiza. O noso país rematou o último trimestre de 2024 con 109.400 persoas en situación de desemprego (8,7%), o que significou unha redución de 3100 con respecto ao período anterior. Mais o número de persoas activas reduciuse en 9200, mentres que as ocupadas baixaron en 6100, deixando nunha das taxas de actividade máis baixas da UE (53,1% Galiza fronte a taxas superiores ao 75% na media europea).

Esta diferenza de máis de 20 puntos é consecuencia da emigración derivada da precariedade laboral e dos baixos salarios e do avellentamento da poboación. Por iso dende a CIG seguen a reclamar das administracións públicas “menos propaganda e máis políticas activas de emprego que muden o mercado laboral e permitan a creación de postos de traballo con mellores salarios e dereitos”, tal e como sinala secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío.

Principais variábeis básicas. Datos en miles.

   Variación 
 2024/III2024/IVAbsoluta%
Total2.373,502.378,505,000,2%
Activos1.271,901.262,70-9,20-0,7%
Poboación ocupada1.159,401.153,30-6,10-0,5%
Poboación parada112,5109,4-3,10-2,8%
Inactivos1.101,601.115,8014,201,3%

Fonte: INE. IGE. EPA.

O responsábel sindical lembra que a reforma laboral aprobada en 2021 contribuíu a modificas as dinámicas do mundo do traballo no sentido de que os contratos a tempo parcial aumentaron neste trimestre en 21.000 persoas, mentres que os contratos a tempo completo reducíronse en 27.200 con respecto ao período anterior.

“Isto significa que a precariedade mudou de faciana, pasando da temporalidade á parcialidade, mais as persoas traballadoras seguen a padecer situación de pobreza laboral derivadas dun cambio normativo que non derrogou a reforma de 2012 e que trouxo novas formas de explotación laboral como o abuso da contratación fixa descontinua e a tempo parcial e a potenciación das ETT por parte do Goberno español”.

De feito, o emprego descendeu un 2,7% entre a poboación ocupada a xornada completa, o que equivale a 27.200 persoas menos. Pola contra, as persoas ocupadas a xornada parcial aumentaron un 14,6%, o que compensou , en parte, o descenso anterior.

Persoas ocupadas. Datos en miles.

   Variación 
 2024/III 2024/IV Absoluta%
Total1.159,401.153,30-6,10-0,5%
Agricultura e pesca74,869,5-5,30-7,1%
Industria190,9189,8-1,10-0,6%
Construción83,182,3-0,80-1,0%
Servizos810,7811,60,900,1%

Fonte: INE. IGE. EPA.

No que atinxe aos fogares, pasaron de 36.600 a 41.000 os fogares con persoas en activo e nos que todas as persoas están paradas, “o que pon de manifesto un mercado laboral incapaz de rematar co abafante número de persoas que viven por debaixo do limiar da pobreza, reafirmando a necesidade dun cambio no modelo económico e social que aumente o peso da industria no PIB galego e sirva para mellorar a calidade do emprego, con medidas como o aumento do SMI a 1320,04 euros ao mes”.


paro /