Redacción •  Galicia •  29/07/2024

Interpoñen contencioso contra a declaración da mina de Touro como Proxecto Industrial Estratéxico

  • Ecoloxistas en Acción interpón recurso contencioso – administrativo contra o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de xuño de 2024 polo que se declara Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) ao proxecto Cobre San Rafael de extracción de cobre na mina de Touro e O Pino.
  • A organización ecoloxista denuncia que no procedemento da declaración de proxecto industrial estratéxico non se cumpriron en tempo nin en forma as preceptivas achegas a ningún dos dous concellos urbanísticamente afectados, Touro e O Pino.
  • Ecoloxistas en Acción mantén que non hai precedente legal dunha declaración de proxecto de interese estratéxico a un proxecto que anteriormente foi denegado polo seu impacto ambiental.
Interpoñen contencioso contra a declaración da mina de Touro como Proxecto Industrial Estratéxico

Ecoloxistas en Acción ven de interpoñer un recurso contencioso – administrativo contra o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de xuño de 2024 polo que se declara Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) ao proxecto Cobre San Rafael de extracción de cobre na mina de Touro e O Pino. A organización ecoloxista entende que esta declaración non se axusta a legalidade por diversos motivos. Ecoloxistas en Acción denuncia que no procedemento da declaración de proxecto industrial estratéxico non se cumpriu en tempo nin en forma as preceptivas achegas a ningún dos dous concellos urbanísticamente afectados, Touro e O Pino. As declaracións públicas de ambos alcaldes dan testemuña desta irregularidade.

A organización ecoloxista sinala que a declaración como PIE require dun procedemento administrativo recollido no artigo 79 da Lei 1/2015 que regula a política industrial galega. Ese artigo, modificado en outubro de 2022, sinala no seu apartado 79.2 que, como paso preciso para a súa declaración, a Consellería de Industria ten que remitir aos concellos “a solicitude presentada con toda a documentación” para que, nun prazo de 15 días, os concellos notifiquen a súa “conformidade ou disconformidade” co plan urbanístico en vigor sobre as obras previstas no proxecto. As testemuñas dos alcaldes avalan que en ningún caso ningún dos concello notificou a conformidade ou disconformidade, como marca a lei, nin recibiron toda a documentación para poder informar en tempo e forma.

Ademais, Ecoloxistas en Acción denuncia que o novo proxecto de explotación e estudo de impacto ambiental, presentados o 23 de xaneiro deste ano, semanas antes das eleccións, é unha burda copia do chumbado en 2020 cunha declaración de impacto ambiental negativa polos seus previsíbeis impactos sobre o sistema fluvial do río Ulla.

A organización ecoloxista ve contrario a lei que se declare Proxecto Industrial Estratéxico  un proxecto que anteriormente foi declarado inviable polo seu grave impacto ambiental e que tivo unha resposta social, cultural, ecoloxistas e política tan contraria, lembremos que máis de 45 concellos e duas diputacións provinciais de todas as cores políticas manifestaron nos seus plenos mocións contra a reapertura desta mina. Lembrar tamén que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo pechou tres peticións unha vez que tivo notificación da Consellería de Medio Ambiente da declaración de impacto ambiental negativo, que de non ser o caso tería continuado a sua tramitación.

Lembran que o proxecto que volve a presentarse xa foi denegado por non acreditar a ausencia de afeccións significativas sobre o ciclo hídrico e sobre as masas de auga afectadas, nin acreditar a integridade do Sistema fluvial Ulla-Deza, espazo da Rede Natura 2000 e base do modo de vida de decenas de millares de persoas do Baixo Ulla e Ría de Arousa. A estes impactos súmase o efecto devastador que o efecto tería para a economía das comarcas, particularmente sobre o sector agrogandeiro e agroalimentario así como para o Camiño de Santiago, que xeran emprego sustentábel e respectuoso co medio ambiente e a cultura local.

Apuntan a que nos últimos catro anos Cobre San Rafael, a filial de Atalaya, demostrou a súa absoluta ineptitude á hora de evitar a contaminación por metais pesados que continúa xerando a concesión mineira, o que evidencia a incapacidade técnica para un proxecto de tales dimensións, lembrar que Cobre San Rafael é unha nobel empresa creada para figurar como titular dun proxecto que presume de xerar un elevado impacto económico sin embargo non conta con ningunha experiencia previa en ningunha actividade, os avales económicos son os que lle cedan ou doen os principales administradores directivos de Explotaciones Gallegas e Atalaya Mining, o que fai incrementar a inseguridade sobre a sua solvencia e avales en caso de que ocurrira algún accidente ou incidente fruto das obras que leve a cabo.

Ecoloxistas en Acción lembra que a empresa titular actual dos terreos non parece ofrecer maíor seguridade ao respecto, tendo en conta que dende o ano 1993 non foi quen de solventar os problemas de surxencias das augas contaminadas pola acción da minería aos ríos da contorna, negando incluso que existiran tales vertidos ata que en 2018, fruto das reiteradas denuncias, a Xefatura territorial de minas de A Coruña se viu na obriga de requerir un proxecto de drenaxe integral das augas e que cesaran os vertidos de augas contaminadas aos ríos; situación que despois da apertura de varios expedientes sigue sin conseguirse.


minas /