Seguimento maioritario na primeira xornada de folga por un convenio digno no siderometal da provincia de Ourense
- Para este xoves hai convocado un novo paro de 24 horas e unha manifestación, que arrincará do Edificio Sindical ao mediodía.
- Egatel sostén que non pechou as súas portas. Segundo a empresa, o seguimento que tivo a folga foi do 25% da plantilla.
![Seguimento maioritario na primeira xornada de folga por un convenio digno no siderometal da provincia de Ourense](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2022/09/22-09-27_Piquetes_Noite_Folga_Siderometal_Ourense_01-d1e2cc97-950x0-c-default.jpeg)
A primeira xornada de folga no sector do siderometal da provincia de Ourense para reclamar un convenio colectivo digno está a ter un seguimento maioritario, con numerosos piquetes informativos nos polígonos industriais e coas principais empresas sen actividade. Para este xoves 29 está previsto un novo paro de 24 horas e unha manifestación que sairá do Edificio Sindical ás 12:00 e que rematará diante da sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).
A labor dos piquetes informativos comezou xa ás 22:00 horas da pasada noite tras manter unha asemblea organizativa previa no salón de actos do Edificio Sindical, dende onde partiron para distribuírse por polígonos industriais e empresas con quenda de noite.
Dende a CIG-Industria de Ourense salientan que moitos dos empregados/as que se atopaban traballando decidiron abandonar os seus postos e mesmo se sumaron aos piquetes, como tamén aconteceu esta mesma mañá a partir das 5:00 horas. De feito, consideran significativo que os propios/as asalariados/as de Taller Mecánico Alemán, compañía do presidente de ATAVE, unha das patronais do sector, optasen tamén por deixar de traballar e por participar no piquetes.
Como consecuencia da folga -a primeira convocada no siderometal ourensán de xeito conxunto en 22 anos-, o sector da automoción permanece practicamente sen actividade e as principais empresas pecharon as súas portas: GRI Towers, Egatel, Mecanizados Rodríguez Fernández, Ambulancias Rodríguez López, como tamén boa parte dos concesionarios de venta de vehículos.
![](https://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2022/09/28/Folga%20siderometal%20Ourense/22-09-28_Asemblea_Piquetes_Folga_Siderometal_Ourense_01.jpeg)
Folga indefinida
Coincidindo coa nova xornada de paro prevista para mañá xoves 29 as centrais CIG, CCOO e UGT convocaron unha manifestación, que arrincará do Edificio Sindical ás 12:00 horas e rematará diante da sede da CEO. Dende as organizacións sindicais lembran que a folga pasará a ser indefinida o vindeiro mércores 5 de outubro no caso de que as partes non pacten un convenio colectivo digno que permita pechar o conflito.
Un conflito ao que os traballadores/as se ven abocados/as pola actitude da patronal, cuxa última proposta está moi afastada das reivindicacións da parte social e malia «o esforzo que fixemos na última reunión para tentar chegar a un acordo e evitar o conflito; pero o empresariado non se moveu nin fixo contraoferta, limitando a suba salarial ao 4% para os distintos anos de vixencia do convenio (2022-2024)», segundo explica o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez.
Esta contía non garante nin sequera o mantemento do poder adquisitivo, tendo en conta que o IPC de agosto xa superou o 10% e a previsión é que continúe á alza. «Neste escenario de medre da carestía da vida, a patronal quere aproveitar a suba de prezos para incrementar os seus beneficios», denuncia.
Fronte a esta suba de miseria, as centrais sindicais demandan un incremento do 6,5% para os anos 2022 e 2023, e do 5% para o ano 2024, cunha cláusula de revisión salarial, e que os atrasos se perciban dende o 1 de xaneiro. Xunto a isto, piden un día máis de libranza sen consolidar para 2022 e un día a maiores para cada un dos seguintes anos, estes si consolidados.