Redacción •  Galicia •  29/10/2023

Malia os intentos de criminalizar a súa xusta loita, os bombeiros comarcais continúan reclamando condicións dignas

  • A próxima mobilización dos bombeiros está convocada para o martes 31 de outubro, na Deputación de Lugo, e o 17 de novembro teñen prevista unha manifestación nacional en Santiago de Compostela.
Malia os intentos de criminalizar a súa xusta loita, os bombeiros comarcais continúan reclamando condicións dignas

Un cordión policial perimetraba este venres o edificio da Deputación da Coruña, onde o colectivo de bombeiros dos parques comarcais tiñan convocada unha concentración para reclamarlle á Xunta de Galiza e ás institucións provinciais que concreten un calendario de reunións para negociar un convenio colectivo que unifique as súas condicións e dignifique o seu traballo.

O que se atoparon os bombeiros, cuxa pretensión, e así llo comunicaron ás administracións, era realizar unha concentración cunha lectura dun manifesto, foi un despregamento de ducias de axentes de policía e furgóns «antidisturbios» que lles impedía o acceso ás inmediacións do edificio da Deputación, obrigando a cada unha das persoas a que se identificara e a someterse a un rexistro para poder acceder ao recindo delimitado no que lle permitiron facer a protesta.

Unha actuación desproporcionada, que busca criminalizar a xusta loita deste colectivo e que ataca de fronte o dereito á mobilización. Tal e como denunciaba o presidente do comité de folga, Ángel Moldes, «isto non ten sentido ningún, estannos tratando como delicuentes» mentres as administracións responsábeis do servizo «seguen sen recibirnos e sen querer dialogar con nós. Parece que non lles importa ter os parques de bombeiros pechados e non darlle o servizo á cidadanía».

Reiterou que están na rúa para reivindicar «que se nos teña en conta, que se valore o noso posto e que se aprobe dunha vez a fixeza dos nosos contratos», tal e como recoñeceu o Tribunal Supremo. Porén, Xunta e Deputacións continúan sen abrir unha mesa de diálogo para abordar o contido da proposta de convenio que o colectivo trasladada pola representación social en xullo e á que só responderon a través dos medios de comunicación para asegurar que é inasumíbel.

Hai que lembrar que a orixe deste conflito está no modelo privatizado de emerxencias posto en marcha polo Goberno de Fraga e do que o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi un gran defensor e promotor. Esta externalización supuxo deixar en mans de empresas privadas a xestión dos parques dependentes dos consorcios provinciais, co único obxectivo de precarizar as condicións salariais e laborais do persoal e encher os petos de determinadas compañías como Veicar.

Unha dura loita sindical, a manifesta ineficacia do modelo e as irregulariedades detectadas derivaron no rescate do servizo, pero neste proceso «perdemos a fixeza dos nosos contratos» e non se unificaron as condicións nin se recoñeceu o valor do seu traballo. Moldes subliñou que un bombeiro comarcal en Galiza cobra unha media de 1200 euros por traballar 40 horas á semana e non teñen recoñecidos complementos que si perciben compañeiros e compañeiras doutras autonomías, como festividade, nocturnidade, turnicidade, perigosidade, penosidade ou toxicidade.

Na protesta, os bombeiros advirtiron tamén que as dotacións dos parques son totalmente insuficientes para garantir tanto a súa propia seguridade como a das persoas ás que atenden «e aínda que levamos 20 anos reivindicando máis persoal, seguimos igual». En Galiza hai un total de 439 bombeiros comarcais que prestan atención a uns 300 concellos. Unha das primeiras decisións do colectivo foi deixar de realizar horas extraordinarias voluntarias o que provocou que de inmediato moitos parques tiveran que pechar pola falta dos efectivos mínimos para garantir a seguridade.

Pero despois dos momentos de tensións vividos en Ourense o pasado luns e da represión da protesta deste venres, nin a Xunta nin as Deputacións moveron aínda ficha. «Continuamos agardando que nos convoquen oficialmente para a mesa negociadora. Por que sen diálogo non se pode solucionar nada», aseveraba Moldes.

Forzado pola situación, chegou convite da Deputación para que unha representación dos traballadores e traballadoras accedera ao interior das dependencias, mais tendo que agardar ao remate da sesión plenaria para seren recibidos polo presidente Formoso. Diante disto, os bombeiros decidiron marchar, instando ás partes a trasldar unha convocatoria formal.

Concentración en Lugo e manifestación en Compostela

Os bombeiros remataron a concentración pedindo a dimisión do presidente da Deputación, do presidente da Xunta e do director xeral de Emerxencias, instando a estes últimos a que «se tanto lle gusta o privado cambien de sector e non xoguen coa seguridade dos galegos e das galegas». E ao berro de «bombeiros pobres, nunca máis», unha parte deles espiuse para visibilizar a situación de abandono das administracións.

A próxima mobilización dos bombeiros está convocada para o martes 31 de outubro, na Deputación de Lugo, e o 17 de novembro teñen prevista unha manifestación nacional en Santiago de Compostela.


bomberos /