O proxecto GS-360 gastaría 625.000 litros de auga ao día do encoro de Eiras (Vigo)
- A Confederación Hidrográfica Miño-Sil ven de emitir un novo informe desfavorable ao proxecto GS360 pola afección ás captacións da auga e sinala que o aproveitamento veciñal sobre as captacións preexistentes “deberá respectarse e garantir a continuidade da súa utilización”, que beneficia a uns 5.000 veciños.
- O informe, solicitado pola Xunta para intentar declarar o proxecto de Interese Autonómico, revela ademais que o GS360 gastaría 625.000 litros de auga ao día, procedentes do encoro de Eiras.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vén de emitir un novo informe desfavorable sobre o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para o Galicia Sports 360 (GS360), promovido polo grupo GES, propietario á súa vez do Real Club Celta. Unha vez máis, a entidade pública asegura que a información remitida e o novo estudo hidroxeolóxico elaborado en xullo deste ano, no tocante a auga dos pozos, “non analiza a disponibilidade do recurso hídrico, o balance hídrico en situación desfavorable ou a afección das obras ás infiltracións”.
O informe do organismo de bacia sinala, ademais, que “o estudo presentado non se considera válido para xustificar a non afección das obras sobre as captacións preexistentes, cuxo aproveitamento deberá respectarse e garantir a continuidade da súa utilización”. Estas captacións abastecen de auga a uns 5.000 veciños de Mos e, como subliña a Confederación Hidrográfica, “o uso destinado ao abastecemento é o que prima sobre todos os demais”.
Ademais da afección aos pozos soterrados, o informe evidencia o inxente gasto de auga previsto para esta infraestrutura: 625.000 litros de auga por día. Un adastecemento de auga que viría de Eiras, encoro de titularidade do Concello de Vigo que surte á poboación viguesa e tamén á de Redondela, Mos, O Porriño, Cangas, Moaña e Salceda de Caselas.
Un cambio na procedencia da auga, promovido polo Celta, co apoio do Concello de Mos, que non considera que a capacidade de Eiras para abastecer á poboación da comarca de Vigo foi cuestionada en anos anteriores para momentos de seca, ata o punto de encargarse un estudo de alternativas para mellorar e garantir o abastecemento de auga á poboación. De desenvolverse o proxecto GS-360, á presión actual se lle sumaría agora un consumo equivalente ao doutra vila pequeña.