Tiago Alvite: “A marxinación laboral que sofre moito persoal na CRTVG é consecuencia das prácticas de manipulación informativa”
Fai un chamamento á manifestación que terá lugar este sábado día 30, ás 12:00 horas, en Compostela sob o lema “Por unha CRTVG pública e plural”.
Tiago Alvite, produtor de televisión, secretario da sección sindical da CIG na CRTVG e membro do comité intercentros debulla a situación dos medios públicos na Galiza, sometidos a un abafante control por parte do PP que os afasta dos fins para os que foron creados. Un control político que ten graves consecuencias para as traballadoras e traballadores e para o conxunto da sociedade galega, vítima de constantes prácticas de manipulación informativa.
O persoal da CRTVG leva xa anos cunha campaña para defender os medios públicos galegos, que se denuncia?
Denunciamos a manipulación informativa, que na CRTVG acada niveis insoportábeis, que deturpan a finalidade para a que foi creada, que non é outra que informar á sociedade galega con obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa. Mais tamén relacionado coa manipulación, denunciamos a externalización da produción e o progresivo, e nos últimos anos acelerado, proceso de desmantelamento dos medios públicos galegos, que supón a renuncia a producir os contidos audiovisuais con medios técnicos e persoal propio, renunciando de vez á capacidade estratéxica para ofertar unha programación de servizo público, orientada a informar, formar e entreter con criterios de pluralidade e calidade.
A sección sindical da CIG ten denunciado os procesos de privatización ou desmantelamento. Que consecuencias ten iso para o servido público?
Ademais de encarecer os custos de produción para beneficio de empresas privadas amigas e precarizar o emprego, as persoas traballadoras que interveñen na elaboración dos contidos audiovisuais deixan de ter a consideración de empregadas públicas, coa conseguinte desafección dos principios éticos e de conduta regulados nos artigos 53 e 54 da Lei do Estatuto básico do empregado público.
Precisamente por iso estades agora mesmo desenvolvendo unha folga. Cal foi o detonante e que demandades?
O detonante foi a desaparición de “A Revista”, un magazine de produción propia que foi substituído por “O Termómetro”, coproducido entre a CRTVG e dúas empresas privadas, unha das cales, Papaventos TV, encargada de fornecer os contidos, nin tan sequera fai parte do sector audiovisual galego. Tamén se suprimiron e externalizaron outros programas da Radio Galega. A decisión empresarial de recorrer a estas externalizacións reduce a produción propia interna á mínima expresión.
Como se pode frear o control da información por parte do executivo galego?
No actual contexto político de maioría absoluta do PP, o freo ten que vir necesariamente da combinación da acción social e política, a lexislativa e a xudicial. Así, as traballadoras dos medios públicos galegos estamos en folga desde o 7 de outubro, os luns, mércores e venres, con 23 paros acumulados que impediron a emisión de “O Termómetros” deses días. Estes paros están a ser acompañados de concentracións as portas das instalacións da CRTVG en San Marcos, nas que participan persoas e colectivos do ámbito social, cultural, sindical e político, producíndose un importante alongamento da implicación social na defensa dos medios públicos.
Hai uns días tamén estivemos no Parlamento Europeo en Estrasburgo, invitados pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, que nos brindou a posibilidade de nos reunir cos vicepresidentes do Parlamento Europeo Younous Omarjee e Nicolae Stefanuta, coa presidenta da Comisión de cultura, Nela Riehl, a coa eurodiputada relatora da Lei de Liberdade de Prensa Europea, Diana Riba. Nesas xuntanzas foron suxeridas posibilidades que temos que explorar, como a denominada mission on the ground, baseada no artigo 210 do regulamento do Parlamento Europeo, que establece que as comisións competentes poden encomendar a un ou varios dos seus membros unha “misión de estudo ou de información” para comprobar sobre o terreo se a actuación da CRTVG se axusta ao Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación e o resto da lexislación da UE. E aínda foi suxerida a posibilidade de presentar un recurso por incumprimento do estado de dereito perante a Comisión Europea, que podería rematar no Tribunal de Xustiza da Unión europea.
En relación á iniciativa lexislativa da que falas, múltiples organización socias, políticas e culturas aglutinadas da plataforma “Por unha CRTVG ao servido do Pobo” impulsan a campaña de recollida de sinaturas da ILP “Liberemos a galega”. Cara onda deben camiñar os medios públicos galegos?
Indubidabelmente deben camiñar cara a independencia do poder político. Con este fin, a ILP propón que os membros do Consello de Administración e a Directora ou Director Xeral da Corporación Radio e Televisión da Galiza sexan designadas, logo dun concurso público, por unha maioría reforzada do Parlamento galego, e que as decisións estratéxicas sexan colectivas e non unipersoais. Tamén se recolle que non se poida ceder a terceiros a produción e a edición dos programas informativos e a aprobación do estatuto profesional e o consello de informativos como órgano interno de participación dos profesionais da información para velar pola independencia, a veracidade e a obxectividade dos contidos informativos. E finalmente reclámase o reforzo do papel educativo, socializador e galeguizador da radiotelevisión pública, prestando unha especial atención ao público infantil e xuvenil, porque son o futuro da nosa sociedade.
Porén, para alén das medidas concretas propostas na ILP, é de salientar que por primeira vez o tecido organizativo da sociedade galega, isto é, o pobo galego, se poña á fronte desa iniciativa lexislativa para liberar A Galega do secuestro ao que está sometida polo goberno do Partido Popular e reclamar que se poña ao servizo das súas necesidades democráticas, sociais e culturais.
A manifestación do vindeiro sábado convocada polo Comité Intercentros da CRTVG recolle todas estas demandas ou céntrase máis no aspecto estritamente laboral?
Estamos a falar dun servizo público que é esencial para a participación democrática da sociedade galega e para a defensa da cultural e a lingua do noso pobo, polo que é moi difícil separar o aspecto estritamente laboral do político, o social e o cultural. A marxinación laboral que sofren moitas persoas traballadoras na CRTVG, por exemplo, é consecuencia das prácticas de manipulación informativa que se dan na radio e na televisión públicas da Galiza. As persoas traballadoras que perciben a utilidade do seu traballo para a sociedade galega e que teñen un sentido máis alá das contraprestacións estritamente económicas e laborais, senten menoscabada a súa dignidade con esas prácticas de deturpación da nosa realidade. Polo tanto, necesariamente van estar presentes todos eses aspectos na manifestación da día 30, que se desenvolverá baixo o lema “Por unha CRTVG pública e plural”.