A CIG lanza unha campaña “para acabar xa coas mentiras” sobre as pensións
Chama a defender o sistema público fronte os recortes previstos coa ampliación do período de cálculo
As pensións públicas levan anos sendo obxecto de duros ataques polo interese do capital de facer negocio, amedrentando á poboación para que a súa capacidade de aforro se dirixa aos fondos privados de pensións. Por iso a CIG lanza unha campaña baixo o título “As 10 verdades sobre as pensións, para acabar xa coas mentiras”.
O PP e o PSOE levan anos reformando de xeito brutal o sistema público de pensións e ante o medo á contestación popular, apóianse no diálogo social, en CCOO e UGT, para perpetrar este permanente roubo as clases populares.
Nos últimos meses, o Goberno de PSOE-Unidas Podemos está aumentando a intensidade destas reformas facendo que as políticas máis neoliberais, mais propias do PP e da dereita, teñan plena vixencia.
1.- A Seguridade Social é unha conquista histórica da clase traballadora e a defensa do sistema público de pensións é un dereito irrenunciábel que debemos manter a toda costa.
Desde hai anos vense prognosticando de forma intencionadamente falsa sobre a quebra do sistema público (envellecemento da poboación, aumento da esperanza de vida, baixa natalidade…) na propaganda por ampliar os sistemas privados ou mixtos ao tempo que se suceden reformas laborais, que impoñendo baixos salarios e precariedade,poñen en constante ameaza os ingresos da seguridade social.
Á vez que o Fondo de Reserva da Seguridade Social, fondo público especial para pagar as pensións en caso de necesidade,foi usado para fins distintos daqueles para os que naceu.
2.- O Goberno, a Patronal, CCOO e UGT(o chamado diálogo social) negocian unha nova reforma para recortar máis as pensións.
Ampliar aos 30 anos o período de cálculo das pensións,suporá un novo recorte das contías de entre un 6% – 8%. Aprobar máis reformas mantendo todas as anteriores, especialmente a do 2011, está a causar unha caída progresiva das pensións do 25%, por causa do impacto que ten a ampliación da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e o aumento do período de cálculo do 15 aos 25 anos.
3.- Estes acordos do diálogo social retrasan a entrada de persoas novas ao traballo e dificulta que as desempregadas atopen traballo.
Estas reformas, xunto coas anteriores, que retrasan a idade da xubilación e manteñen a xubilación parcial nunhas condicións discriminatorias e de difícil acceso, son un atranco para a xeración de emprego. Aprobar mais reformas que endurecen as condicións para a xubilación e obrigan a prolongar a vida laboral,contribúe a unha maior emigración e máis paro xuvenil.
4.- A última reforma das pensións non garante unhas pensións dignas.
A reforma de xullo de 2021, tamén aprobada por acordo do diálogo social desliga a suba das pensións do IPC real interanual acumulado, creando un novo indicador, o chamado IPC medio, que non garante o poder adquisitivo dos salarios.
5.- Todas estas reformas condenan a prolongar a vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico.
Os permanentes atrancos para o recoñecemento por lei de coeficientes redutores da idade de xubilación nas profesións de maior penosidade e perigosidade, ten como resposta máis penalizacións para calquera aceso anticipado á xubilación.
6.- A recente aprobación dos chamados Plans de emprego de pensións,constitúe un perigo para o sistema público e solidario de pensións.
Estes plans consisten na promoción a través da negociación colectiva de plans privados de pensións no ámbito de cada sector, onde a súa xestión será por compañías financeiras e aseguradoras.Súmanse así aos plans privados individuais xa existentes desde hai anos.
Camíñase a un desmantelamento e privatización do actual sistema de pensións público de pensións, para convertelo nun sistema asistencial e de beneficencia. Estes plans empobrecerán máis os salarios(e as pensións futuras) porque se fan en base ao salario das persoas traballadoras,mentres as empresas terán suculentas desgravacións fiscais, causando todo iso unha redución dos ingresos da caixa da seguridade social e de impostos, coa agravante que ao ser privado,maior é o risco para as persoas traballadoras.
7.- A pensión media en Galiza é de 886,68€ mensuais, 78,32€ por debaixo do SMI.
Mentres a pensión media no estado español é de 1040,07€,na Galiza 415.310 persoas pensionistas teñen unha pensión inferior aos 736,34€.
8.-A poboación con máis de 65 anos acada de media 29,6 anos cotizados, moi lonxe dos 37 anos e 6 meses necesarios para acceder ao 100% da base reguladora.
9.-A idade media de xubilación está nos 64,71 anos e un 5,20% da poboación xubílase aos 69,52 anos.
10.-A pensión media dunha galega é 375,6 euros menor cá pensión media dun galego. As mulleres teñen unhas pensións medias un 34,5 % inferiores ás dos homes e do total de persoas con pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.
Dende a CIG defendemos:
- Derrogación completa das reformas laborais e das contrarreformas das pensións, nomeadamente as de 2011 e 2013.
- Supresión do factor de sustentabilidade ou de calquera outro que o substitúa, agora chamado Mecanismo de Equidade Interxeracional, que supoña unha baixada xeneralizada nas pensións do futuro.
- Fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (1.197€, que é o 60% do salario medio) como recomenda a Carta Social Europea.
- Revalorización por lei para que anualmente se actualicen as pensións de acordo ao IPC interanual acumulado.
- Xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
- Cálculo da base reguladora segundo as bases de cotización actualizadas a data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización.
- Eliminar os topes máximos de cotización á seguridade social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión.
- Restablecer o dereito a xubilación parcial aos 61 anos como existía antes da reforma.
- Transferencia á Administración Galega da competencia da xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.
- Eliminación das desgravacións fiscais dos plans privados de pensións.
- Recoñecemento por lei de coeficientes redutores da idade de xubilación nas profesións de maior penosidade e perigosidade.
- Fin das bonificacións e descontos para o empresariado nas cotizacións.
- Garantir a promoción e xestión pública dos fondos de pensións de emprego através da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e o do seu control pola Comisión Executiva do INSS. En ningún caso, a xestión pode ser privada.