O BNG censura a “fraude democrática” na que o PP converteu a comisión de investigación cun ditame á altura da súa “burla”
- Montse Prado tilda de panfleto partidista un ditame con tantas falsidades, opinións infundadas e interpretacións interesas “que nin no NO-DO”.
O BNG censurou a “fraude democrática” na que o PP converteu a comisión de investigación cun ditame á altura da súa “burla” á cidadanía dados os “métodos antidemocráticos e autoritarios” que empregou dende o inicio da comisión para impedir o acceso á documentación e o seu veto sistemático a comparecencias chave, a comezar pola do máximo responsable da Xunta durante o período dos contratos obxecto da investigación, o expresidente Alberto Núñez Feijóo.
“Chegamos hoxe a esta fase final onde o Partido Popular quere impoñer un ditame á altura do que foi o seu proceder ao longo de toda a comisión, cun amplo repertorio de métodos autoritarios e antidemocráticos, saltando procedementos e prazos e vulnerando os dereitos das deputadas e dos deputados”, reprobou a deputada Montse Prado, quen cualificou o ditame de “panfleto partidista”. “Está tan cheo de falsidades, opinións infundadas e interpretacións interesadas que nin o NO-DO de Franco se ten atrevido a tanto”, recriminou na súa intervención na xornada final da comisión.
Prado recalcou deste xeito que a pretensión dos populares foi sempre a de que “os galegos e as galegas non souberan” como usan a Xunta para “drenar recursos” co obxectivo de “beneficiar ao seu ecosistema de amizades e empresas do seu entorno”. Un obxectivo que, pese ao seu boicot e todos os seus atrancos, o PP non deu cumprido porque -dixo- grazas ao “acerto” do BNG ao impulsar a comisión, “aflorou á luz pública moita información que os galegos e as galegas teñen dereito a coñecer”.
Neste sentido, recalcou que a comisión puxo de manifesto o modus operandi dun PP “ao servizo do neoliberalismo” e co claro obxectivo de “saquear os orzamentos públicos para engordar a conta de resultados” das súas empresas amigas.
“Fíxoo na contratación e construción do hospital Álvaro Cunqueiro; fíxoo na contratación sistemática da empresa Eulen, á fronte da que está a irmá de Núñez Feixóo; fíxoo no uso continuo de contratos menores para evitar a concorrencia e todo tipo de controles para poder entregar directamente ás empresas que o Partido Popular decidiu; e fíxoo no contrato de emerxencias da COVID-19”, enumerou, para apuntar así ao “modus operandi continuo” do PP dende que accedeu ao goberno en 2009.
Nesta liña, recordou que, pese a que non se entregou á comisión ningún expediente de contratos co grupo Eulen, si se achegou documentación que “non contén información “veraz», toda vez que aparece unha relación de 26 contratos en 2019, 32 contratos en 2010 e 31 en 2021, cando no portal de transparencia da propia Xunta figuran 278, 219 e 328, respectivamente. Información “sesgada” que tamén se repite no caso dos contratos de emerxencia durante a pandemia.
Prado advertiu de como o PP tamén pretendeu ocultar e terxiversar a documentación relativa á construción privatizada do hospital Álvaro Cunqueiro, cun sobrecusto de 470 millóns de euros, o aumento do perímetro da concesión ao hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña para concederlle á empresa adxudicataria máis servizos non clínicos e ao que se lle engadiron outros servizos directos que non estaban nos informes de viabilidade, segundo o informe do Consello de Contas.
Ademais, recordou que se construíron arredor de 31.000 m2 de menos, sen que se lle descontara á empresa o recorte, custe que un informe do xefe de servizo de obras e supervisión de contratos do Sergas cuantificou en 30 millóns de euros. “A construción e financiamento tiña que realizarse a toda costa”, criticou para denunciar que no accionariado da UTE concesionaria formaban parte Tomás Pérez Vidal e fora directivo da mesma, Agustín Hérnandez, ámbolos dous, excargos do PP.
Unha UTE que, ademais, foi financiada en parte por Bankia, da que era presidente Rodrigo Rato, e cuxos estudos de viabilidade para a construción do Álvaro Cunqueiro foron realizados por Price Waterhouse Coopers, firma na que tamén era directivo o exministro do PP, Luís de Guindos. “É dicir, houbo un entramado empresarial que foi favorecido polo Partido Popular na Xunta”, sintetizou.
Tras este repaso, a deputada nacionalista considerou demostrado “ese proceder continúo ao longo destes case 16 anos de goberno do PP” nos que puxo “os recursos públicos ao servizo de todo o seu ecosistema de empresas”, empresas vinculadas “directamente a familiares ou altos cargos do Partido Popular”, recalcou, ou multinacionais ás que o PP “serve directamente todas esas actuacións dende o goberno da Xunta”.
“Queren ocultar que se concederon 1.573 contratos a dedo a Eulen, que lle adxudicaron ao irmán da man dereita de Alfonso Rueda 232 contratos por valor de case 800.000 euros; que á empresa vinculada ao irmán de Nava Castro se lle adxudicaron 83 contratos a dedo por un millón de euros; ou que a Universal Support, da que é directivo o cuñado de Núñez Feixóo, se lle adxudicou un contrato de 15,2 millón”, recompilou Prado, que tamén recordou que o modelo escollido polo PP para a construción do Álvaro Cunqueiro supuxo pagar 470 millóns de máis do que estaba previsto co modelo do anterior Goberno de coalición, que tiña avanzada a súa contratación pública mediante un acordo coa Sociedade Pública de Investimento.
“Polo tanto, vostedes non quixeron nunca facer unha comisión de investigación, o único que quixeron foi unha comisión de ocultación”, concluíu a deputada nacionalista.