Ana Pontón presenta ao BNG como a alternativa contra un PP que vende Galiza ás multinacionais a prezo de saldo
- Propón que os 250 M€ que Rueda quere regalar a Altri se destinen aos sectores produtivos e a rexenerar as rías que xeran miles de empregos.
- Galiza precisa industrias de vangarda e de futuro, pero o PP só ofrece macrocelulosas, megaminería contaminante e espolio eólico, denuncia.

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou ao BNG como a alternativa fronte ao Goberno do PP “máis ultra, antidemocrático e antigalego da historia” que está levando Galiza “contra as rochas” porque o único que ofrece é a tríade da “bomba ambiental de Altri, a macrominería contaminante e o espolio eólico”, vendendo o País “a prezo de saldo” ás multinacionais, “ás eléctricas e ás súas empresas amigas”.
“Estamos ante o Partido Popular do ‘Non’ a Galiza e, por iso, desde o BNG actuamos como auténtico goberno alternativo, redobrando esforzos para impedir a desfeita dun PP que vende Galiza a prezo de saldo ás eléctricas e ás súas empresas amigas”, advertiu na reunión dun Consello Nacional no que apuntou a “alternativa real” dun Bloque que actúa de “muro de contención” contra as lesivas políticas dun Goberno do PP que, hoxe en día, representa a Atila do álbum Atila en Galiza de Castelao.
A portavoz nacional recriminou ao Executivo de Rueda que estea facendo do “bulo e da mentira” a súa maneira de gobernar, desprezando e insultando á cidadanía que “non traga coas súas rodas de muíño”, coa bomba ambiental de Altri, cos recortes da sanidade ou coa súa política lingüicida. “É impresentable esta falta de respecto de Rueda coa cidadanía deste País”, afirmou en relación ás distintas declaracións dos populares cualificando de “desinformados, manipulados ou turba manifestante” aos milleiros de persoas que se mobilizan desde a dignidade contra as súas políticas.
Neste mesma liña, criticou a colonización dos medios públicos dun PP que oculta sistematicamente información ao Parlamento ou concede miles de contratos a dedo ás súas empresas amigas e vinculadas a exaltos cargos propios, o que, subliñou, tamén acontece con Altri, asociada con Greenalia, empresa da que forma parte a exconselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, “outro exemplo de manual das portas xiratorias”, evidenciou.
Un PP que, ademais, afondou, “quere traer a Galiza a lameira e a crispación da política madrileña”, cun Rueda “submiso” a Génova até o punto de rexeitar a quita da débeda público do 33%, 4.000 millóns de euros, negociada polo Bloque no acordo de investidura, “simplemente porque llo manda Madrid”, demostrando deste xeito que é “o presidente da Xunta máis desleal a Galiza da historia”.
Fronte a todo isto, Pontón reivindicou a un BNG que actúa como un “auténtico goberno alternativo na defensa de Galiza” contra un “Partido Popular que lle di ‘Non’ á xente do rural e do mar”, que pon en risco o dereito á saúde “con recortes e privatizacións na sanidade pública para favorecer a privada”, que vulnera os dereitos das persoas maiores “convertendo a vellez nun negocio” e que quere “converter Galiza nun eucaliptal e os montes nun polvorín en pleno cambio climático”, en clara referencia a Altri.
“Non llo imos permitir, utilizaremos todos os mecanismos sociais, institucionais e legais para frear esta bomba ambiental e impedir que se contamine o río Ulla, a ría de Arousa e a comarca de Arzúa-Ulloa poñendo en risco miles de empregos na terra e no mar”, advertiu a líder nacionalista, quen recalcou que a cidadanía, man a man co BNG, vai gañar esta batalla porque son maioría as persoas que lle queren a Galiza e queren que teña futuro.
Un futuro que, advertiu, non pasa por volver ao pasado franquista industrial das celulosas que quere impoñer o PP, tal e como fixo Franco en 1963 con Ence na ría de Pontevedra, senón por industrias innovadoras e de vangarda como defende o BNG. E, por riba, cun Rueda, de despacho en despacho en Madrid e en Bruxelas, “facendo de comercial de Altri” para reclamar 250 millóns de euros de fondos públicos. “O colmo do disparate, financiar con cartos dos galegos e das galegas unha bomba ambiental no corazón do noso rural”, denunciou.
Neste sentido, reclamou ao Goberno central que remate coas súas ambigüidades e confirme dunha vez por todas que non haberá axudas públicas para esta macrocelulosa. “Calquera apoio a esta bomba ambiental sería sumarse ao Partido Popular en contra de Galiza”, advertiu, para recalcar a continuación que esta é unha “liña vermella para o BNG” que de ser traspasada terá consecuencias na futura relación do Bloque co Executivo estatal. “Ou se está co tándem Altri-PP ou se está coa cidadanía galega e aí é onde está o BNG”, sintetizou.
E, na mesma liña, propuxo ao Executivo de Pedro Sánchez que eses 250 millóns que Rueda pide para a macrocelulosa veñan para Galiza pero “para apoiar ao sector da pesca e do marisqueo, para apoiar ao sector agrogandeiro e revitalizar o rural, para sanear as rías e o río Ulla” que si son estratéxicos e “si son o principal motor económico deste País”, xerando miles de postos de traballo.
O problema coa democracia do PP
Pontón dixo ver a Rueda “cada día máis nervioso, facendo de oposición da oposición” porque sabe que a tendencia é a “dun BNG que sube mentres o PP baixa” e que cada día son máis as persoas que miran cara o Bloque como “a única alternativa que pode construír un futuro mellor” fronte a desfeita dun PP “cada día máis ultra, empeñado en importar a crispación madrileña” e que cabalga “sobre o bulo, a mentira e a manipulación do telexornal”. Por iso, argumentou, está tan crispado, enlamando o debate e instalándose no insulto e na descualificación, non só ao BNG, senón ao conxunto dos galegos e das galegas.
“O Goberno de Rueda ten un problema coa democracia e non soporta que a cidadanía se manifeste libremente para defender o medio ambiente, a sanidade, o dereito á vivenda ou a nosa lingua”, afirmou para criticar aos populares que chamen “turba de alborotadores” aos galegos e galegas que se manifestan “para defender o que consideran xusto”.
Descualificacións que se mostrou segura o PP volverá repetir coa mobilización a favor da sanidade pública convocada en Santiago para o próximo domingo 6 de abril e que augurou volverá ser masiva porque o que “está en xogo é o dereito á saúde” ante un Executivo que recortou case 2.000 millóns na Atención Primaria o que ocasionou listas de espera no médico ou médica de cabeceira, que 11.000 nenos e nenas estean sen pediatra ou que non se atendan os problemas de saúde mental.
“Isto non pasa por casualidade nin é só incompetencia, é a ideoloxía dun PP que recorta e privatiza na sanidade pública para darlle negocio á privada”, subliñou Pontón, quen denunciou o mesmo modus operandi na atención á dependencia, ámbito no que, na práctica e tal e como exemplificou cun caso concreto, o Executivo de Rueda só ofrece ás persoas maiores e ás súas familias a alternativa de pagar a empresas privadas por servizos que deberían estar garantidos no sistema público.
Fronte ao militarismo, defensa da paz
A líder nacionalista tamén mostrou a preocupación do Bloque ante un contexto internacional complexo, cheo de incertezas e ameazas, no que a súa histórica posición “claramente pacifista, contraria ao imperialismo e ao militarismo” ten máis vixencia, máis actualidade e é máis necesaria que nunca porque, subliñou, “a historia demostra que o belicismo só trae guerras, sufrimento e recortes de dereitos e liberdades”.
A portavoz do BNG considerou unha insensatez que os dirixentes europeos queiran conducir de novo á Unión Europea a “repetir os erros do pasado”, “inducindo o medo na poboación” e “xustificando todo isto con falsos relatos” que levan á UE a posicións claramente hipócritas. “A mesma UE que defende a soberanía de Ucraína é cómplice do xenocidio do pobo palestino e o propio Goberno español que anuncia máis gasto militar para facer fronte a Rusia é o que lle entrega a Marrocos a vida, o futuro e a liberdade do pobo saharauí”, recordou.
Nesta liña, criticou que a mesma Unión Europea que durante a crise de 2008 impuxo unha férrea disciplina fiscal, cando se trataba de salvar a xente, fai agora saltar esa disciplina polos aires para poñer sobre a mesa 800.000 millóns de euros para gasto militar, mentres lle oculta á cidadanía que, na actualidade, o gasto militar dos países europeos xa triplica o de Rusia.
“É unha hipocrisía que non nos imos cansar de denunciar”, indicou para preguntarse a continuación que credibilidade ten unha UE que fala de reforzar a seguridade europea e súa autonomía estratéxica e, ao tempo, se mantén na OTAN e permite 275 bases militares dos EEUU en territorio europeo.
“Estamos vivindo unha campaña propagandística para convencer á poboación de que hai que gastar máis en armas, pero, que ninguén se equivoque, cada euro de máis en tanques, bombas e mísiles, será un euro de menos en educación, pensións ou sanidade”, alertou a líder nacionalista, quen sinalou que o que hai de fondo tras estes movementos é o imperialismo, os intereses xeopolíticos, o reparto de zonas de influencia e o reposicionamento no taboleiro mundial de EEUU fronte aos países emerxentes.
Neste contexto, a portavoz nacional reiterou o claro compromiso do Bloque na defensa da paz, da igualdade e da soberanía dos pobos e das liberdades. “Que non conten co BNG para ir na dirección do belicismo”, afirmou para incidir en que o incremento do gasto militar non implica máis seguridade, senón xusto o contrario, máis guerras e máis conflitos, recorte de dereitos e liberdades e a imposición de novos recortes na sanidade, na educación, nas pensións e na dependencia.
“No BNG estamos e estaremos onde sempre estivemos, na defensa da paz e dos valores democráticos, na resolución pacífica dos conflitos e na denuncia do imperialismo e o militarismo”, concluíu.