Protesta diante do Parlamento de Galicia para defender a universidade pública
A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, da que forma parte CCOO-Ensino, volveu facer público o 25 de maio o seu rexeitamento á creación dunha universidade privada en Galicia. No día da toma en consideración no Parlamento da lei de creación da universidade privada vinculada a Abanca, a plataforma convocou unha concentración diante do Pazo do Hórreo. Así mesmo, o mércores, 2 de xuño, haberá protestas en todos os campus universitarios galegos.
As organizacións sindicais, profesionais e estudantís que conforman a Plataforma reafirman a súa crítica ao proceso iniciado polo goberno de Feijóo, contra a opinión das tres universidade públicas —que conxuntamente se pronunciaron na defensa do carácter público dos estudos superiores.
CCOO-Ensino defende que non é necesaria unha universidade privada, pois a ampla oferta académica do sistema universitario galego —cunha notable especialización nos diferentes campus— responde perfectamente á demanda existente e, onde non chega, «é simplemente polas limitacións fixadas pola propia Xunta de Galicia».
CONCENTRACIÓN NOS CAMPUS
A vindeira semana, o mércores 2 de xuño, haberá concentracións nos campus universitarios ás 11 horas.
Universidade da Coruña
— A Coruña: Facultade de Informática (Elviña)
— Ferrol: vicerreitoría da UDC (r/ Doutor Vázquez Cabrera)
Universidade de Santiago de Compostela
— Santiago de Compostela: na reitoría da USC (praza do Obradoiro)
— Lugo: biblioteca intercentros (r/ Bernardino Pardo)
Universidade de Vigo
— Vigo: reitoría da UVigo (As Lagoas, Marcosende)
— Pontevedra: Facultade de Ciencias Sociais (A Xunqueira)
— Ourense: Facultade de Ciencias de Educación e Facultade de Historia (edificio de ferro)