Redacción •  Galicia •  30/05/2022

Convocadas seis xornadas de folga máis no metal da Coruña por un convenio digno

A CIG insta a traballar para qua os paros dos días 7, 8, 9, 28, 29 e 30 de xuño teñan aínda maior seguimento.

Convocadas seis xornadas de folga máis no metal da Coruña por un convenio digno

As traballadoras e os traballadores do sector do metal da provincia da Coruña están chamados a secundar seis novas xornadas de folga durante o mes de xuño. Os paros, que se suman ás catro exitosas xornadas realizadas en maio, faranse en dúas quendas de días consecutivos o 7, 8 e 9 de xuño e o 28, 29 e 30 de xuño. Ante a falta de movementos por parte da patronal, as centrais sindicais acordaron intensificar o calendario de mobilizacións «até conseguir avances reais na negociación para poder acadar dunha vez por todas un convenio digno».

O voceiro da CIG-Industria na mesa do convenio, Eduardo Caamaño, lanzou un chamamento ao conxunto dos traballadores e das traballadoras do sector para dar unha resposta «aínda máis contundente» e que a folga abranga un maior número de empresas,»porque só a través da loita conseguiremos saír deste conflito cun convenio digno, que garanta dereitos e salarios».

Caamaño subliñou que nesta negociación hai dúas reivindicacións que son irrenunciábeis para a parte social: o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, que pasa por referenciar cada ano a suba no IPC real, e ampliar o dereito de subrogación a todo o sector. No relativo á cuestión económica, considera que «é máis que asumíbel» tendo en conta o medre imparábel do custe da vida e que as empresas xa están aplicando esta alza dos prezos  aos seus produtos e servizos; sobre a subrogación, cuestionou a negativa do empresariado a aceptar este dereito xa que nin sequera lle ten un custe económico.

Xunto a isto, na plataforma social demándase un día máis de vacacións, a regulación dos pluses de penoso, tóxico e perigoso e das dietas e das viaxes; limitar o uso e o abuso das Empresas de Traballo Temporal, eliminando a posibilidade recollida en convenio de que presten servizos en períodos punta; ou pór freo aos abusos das mutuas.

Reunión da mesa o mércores 1 de xuño

O representante da CIG explicou que, nun exercicio de responsabilidade, e despois do éxito rotundo dos catro días de folga de maio, as tres centrais sindicais remitiron un escrito á patronal instándoa a retomar a mesa de negociación. A raíz deste movemento, convocouse xuntanza da mesa para o vindeiro mércores, 1 de xuño, na sede da CEC.

Ambas partes non se reunían dende o pasado 6 de abril, cando a patronal puxo enriba da mesa unha proposta de convenio absolutamente inasumíbel. Por iso, e á espera do que dea de si ese encontro, Caamaño reiteroulle á patronal que retire esta proposta e se abra a negociar nos termos formulados na plataforma sindical. «Está nas mans da patronal que se efectivice ou non a convocatoria de folga», advertía.

A este respecto, Xoán Xosé Bouzas Aboi, secretario nacional da CIG-Industria, denunciou a cerrazón da patronal e da súa voceira «que impiden que haxa avances na negociación e poder pór fin ao conflito». Diante desta postura inmobilista recalca que «imos continuar na loita e afondar no conflito até que a patronal se aveña a negociar un convenio xusto».

Tanto Caamaño como Aboi chamaron a atención no feito de que «a única versión que temos da patronal dende a última reunión da mesa e a única valoración que hai da folga, son as declaracións feitas por ASIME, que unha patronal allea ao convenio e que non ten presenza na mesa de negociación». De aí que na comparecencia ofrecida este venres na Coruña polas tres centrais sindicais para anunciar a convocatoria das folgas se cuestionara o bloqueo da negociación por parte dunha patronal «cuxa representatividade real no sector descoñecemos».

Poder exercer libremente o dereito fundamental á folga

Finalmente Caamaño quixo transmitir a todo o sector que mentres continúen as negociacións e as folgas e non haxa unha solución, as centrais sindicais promoverán a non realización de horas extraordinarias como medida de presión e para evitar que as empresas pretendan recuperar o tempo de folga por esta vía.

Abundando neste cuestión, o secretario nacional da CIG-Industria alerta que hai empresas nas que os traballadores e as traballadoras poden exercer libremente o seu dereito á folga, «pero hai moitas outras nas que non o poden facer porque as empresas están exercendo presións e coaccións para que o persoal non secunde os paros». Un ataque contra este dereito fundamental, adiantou, «que non imos tolerar».


CIG /