«Creamos a plataforma en defensa do Xurés e Celanova contra a ameaza eólica»
- Hai unha semana, o venres 23 de xullo, celebrouse en Bande unha asemblea para a constitución en autoconvocatoria dunha plataforma veciñal para loitar contra a invasión eólica nas comarcas do Xurés e das Terras de Celanova.
- Hoxe lanzamos publicamente a plataforma baixo o nome STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA para animar á veciñanza dos concellos de Celanova, Verea, Bande, Rairiz de Veiga, Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos, directamente afectados, e dos concellos da contorna a unirse a esta loita.
- Nas próximas semanas empezaremos a difundir as actividades da plataforma. Aquí tedes o noso comunicado de presentación.
Veciñas e veciños das Terras de Celanova e das comarcas do Xurés decidimos unirnos e organizarnos para defender o noso territorio, as nosas aldeas e montes, contra a invasión eólica que afecta a todo o país e que aquí ameaza con instalar dous novos polígonos na zona de aproveitamento eólico do Vieiro, definida no Plan Eólico de Galiza e que afecta aos concellos de Bande, Verea, Celanova e Rairiz de Veiga; e tamén proxecta a instalación de catro novos polígonos nas zonas de aproveitamento eólico da Guioncha, Serra de Gomariz e San Martiño, nos concellos de Calvos de Randín, Os Blancos e Baltar.
As veciñas e veciños creamos a plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA diante da pasividade das Administracións Públicas, singularmente das administracións locais, fronte as ameazas que para a saúde das poboacións e do medio ambiente supoñen estas instalacións de explotación enerxética de maneira indiscriminada e sen admitir a participación da cidadanía directamente afectada nas decisións sobre os proxectos que fosen necesarios. Defenderémonos contra a imposición de polígonos eólicos que teñen como único obxectivo conseguir beneficios para corporacións estatais ou multinacionais.
Ademais das afeccións para o medio natural e a saúde das persoas, estes proxectos eólicos nas nosas comarcas poñen en perigo áreas de alto valor histórico e patrimonial, particularmente nos territorios do Couto Mixto e Celanova. Ademais, e en todos os casos, producirían impactos moi severos e irreparábeis á paisaxe. A día de hoxe sabemos tamén que os prometidos beneficios económicos en forma de recadación de impostos, compensacións a través de subvencións e potencial xeración de emprego non compensaron en ningunha experiencia anterior o principal efecto da instalación de máquinas aeroxeneradoras: o despoboamento do rural.
Xa o vivimos cos encoros, entre 1949 e 1989 o Val do Limia foi asolagado para lucro de empresas que só deixaron miseria e destrución no territorio.
Nas nosas comarcas, mobilizámonos fronte á invasión eólica tamén pola ameaza que supón contra a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, contra as zonas de Rede Natura e contra outras áreas que merecen protección e coidado. O territorio é o noso maior patrimonio, tamén o son a historia, a cultura, a paisaxe, a calidade de vida para as persoas e un medio natural san. Non ficaremos quietas mentres a avaricia das corporacións pon todo iso en risco.
Co fin de coordinarnos con outros colectivos que se enfrontan esta avalancha por todo o país, asumimos os principios do manifesto Aldeas con Horizonte así como os obxectivos e as bases da Rede Galega STOP Eólicos. E traballaremos para informarnos e informar a toda a veciñanza das nosas comarcas, e para que as autoridades que nos representan defendan o territorio e rexeiten estes proxectos.