Pontón esixe que Rueda compareza no Parlamento para explicar o “nepotismo e o despilfarro” na xestión dos recursos públicos
A portavoz nacional do BNG anunciou a solicitude dunha comisión de investigación sobre as irregularidades nas contratacións da Xunta do PP.
Dar alternativas reais aos problemas da xente, o status financeiro ou a defensa de Galiza ante Madrid e Bruxelas, outras liñas de actuación do BNG.
“Rueda está quedando como o presidente máis centralista e máis submiso a Madrid da nosa historia, actuando de maneira acomplexada”.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou este xoves que pedirá a comparecencia no Parlamento do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que explique o “nepotismo” e o “despilfarro” na xestión dos recursos públicos, e confirmou a solicitude por parte do BNG dunha comisión de investigación sobre irregularidades nas contratacións da Xunta do PP.
Pontón acusou a Rueda de estar quedando como “o presidente máis centralista e máis submiso a Madrid da nosa historia, actuando de maneira acomplexada” en referencia ao seu posicionamento nos debates que se están dando a nivel do Estado sobre o financiamento autonómico ao “antepoñer os intereses partidistas aos intereses de Galiza”, aclarou.
O finananciamento autonómico ou as irregularidades na xestión dos recursos públicos serán as principais liñas de actuación do Bloque Nacionalista Galego no novo curso político, xunto coa de dar alternativas reais aos problemas dos e das galegas, ademais da defensa de Galiza ante Madrid e Bruxelas..
En declaracións aos medios despois da primeira reunión da Executiva do BNG no novo curso político, Pontón asegurou que o BNG leva un tempo “denunciando como xestiona o PP os recursos públicos de todos os galegos e galegas. Un PP que en vez de xestionar pensando no ben común, está metendo a man na carteira dos galegos e galegas para beneficiar a familiares e empresas amigas do PP.
A líder do BNG referiuse, entre a longa lista de casos de “posible corrupción, nepotismo e irregularidades”, aos 1.331 contratos “a dedo” en 5 anos a Eulen (a empresa que dirixe en Galiza a irmá do expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo), aos contratos de emerxencia da Covid, que cualificou de “auténticos pelotazos” ou ao sobreprezo de 470 millóns de euros polo Hospital de Vigo, denunciado no último informe do Consello de Contas.
“É un escándalo que o PP leve anos ocultando eses contratos ao Parlamento e que o Sr. Rueda estea escondido, querendo eludir a súas responsabilidades”, denunciou, para acusar o PP de usar “o seu rodillo parlamentario para non comparecer no Parlamento en agosto”, como pedira o BNG. Advertiulle que “non pode seguir escondéndose e intentando ocultar este escándalo á sociedade galega, porque -insistiu- só se esconde e oculta información quen ten algo que esconder.”
Con cada crítica, unha proposta alternativa
Por outra banda, o BNG continuará na senda de presentar con cada crítica unha proposta alternativa. É por iso que a segunda liña principal de actuación será a de ampliar e impulsar unha batería de iniciativas, nos parlamentos e na sociedade, para dar resposta a ámbitos fundamentais para a calidade de vida e o benestar da cidadanía, que “sofren un forte deterioro logo de 15 anos de recortes e privatizacións do PP”, afirmou.
Neste senso, Pontón anunciou a presentación nos próximos días dun plan de medidas en materia de servizos públicos, como o reforzo do sistema educativo e para facer fronte aos gastos do novo curso escolar, e unha proposta de rescate da sanidade pública e da atención primaria, “en estado crítico como consecuencia das políticas privatizadoras e de desmantelamento da Xunta do PP”, lamentou.
A líder do Bloque afirmou ser tamén consciente do “grave problema” no acceso á vivenda, que será outra das prioridades do BNG no novo curso político, poñendo sobre a mesa “medidas reais e efectivas para que a Xunta asuma as súas competencias e deixe de estar instalada na propaganda”, apuntou.
Outro eixo claro do traballo da formación nacionalista será a defensa dun modelo económico sostíbel e de futuro fronte ás iniciativas do PP que “só buscan beneficiar a grandes grupos moitos de fóra do país, a costa de destruír o noso territorio e patrimonio común”, critiou, para avanzar que o BNG continuará coa “intensificación da defensa dun futuro mellor, que pasa por “frear ALTRi esa bomba ambiental que o PP quere colocar no corazón do país, apostando porque eses 250 millóns de reinvistan no Plan Ulloa-Ulla-Arousa, para apoiar a comarca da Ulloa, o desenvolvemento sostible e conservar o río Ulla e a ría de Arousa”, asegurou.
Avanzou ademais que o BNG daralle un novo pulo ao debate para “frear o boom eólico depredador , apostando por un novo modelo enerxético, respectuoso co medio ambiente e o medio rural e que poña a enerxía ao servizo da sociedade e non do lobbie eléctrico”, incidiu.
A defensa de Galiza no Estado e en Bruxelas
Por último, Pontón debullou a terceira prioridade do BNG, a da defensa de Galiza ante o Estado e Bruxelas, “posicionando o noso país en debates de calado a nivel estatal como é a defensa dos nosos intereses en materia de financiamento”, apuntou.
Quixo deixar claro que o BNG “non vai permitir que Galiza sexa tratada como unha comunidade de segunda” para advertir que esixirá “o mesmo trato que as outras nacións históricas”.
Denunciou o papel de Rueda e do PP en relación co financiamento, cualificándoo como “un auténtico esperpento” porque “en vez de erguer a voz para defender os intereses galegos, faino para defender o centralismo financeiro que prexudica o noso País”, recriminou.
“En vez de defender para Galiza o mesmo estatus financeiro que as outras nacións sen estado, Rueda quere rebaixar a Galiza a liga das rexións. Non imos permitilo, porque como dicimos sempre, os galegos e galegas non somos máis que ninguén, pero tampouco menos, por iso imos reclamar un novo modelo de financiamento, negociado bilateralamente, que nos permita ter en Galiza a chave dos cartos os galegos e galegas” afirmou.
Pontón asegurou que “imos defender os intereses do nosos país ante un Rueda que dimitiu das súas responsabilidades, porque non actúa como presidente de Galiza, actúa como delegado en Galiza do PP, antepón o interese partidista aos intereses de Galiza e está quedando como o Presidente máis centralista da nosa historia, actuando de maneira acomplexada ante Madrid”, recalcou.
Pontón tamén reclamou un “trato xusto a Galiza” e tivo palabras para o Psoe, a quen lle reclamou que “non só cumpra o acordo de investidura, senón que avancemos noutros temas importantes”, como é o caso da AP-9, onde -salientou- vemos como PP e Psoe son como dúas gotas de auga en relación ao trato a Galiza”. Neste senso, anunciou que o BNG traballará non só pola transferencia, senón tamén por poñer fin á prórroga da autopista. Igualmente, será unha prioridade para o BNG a negociación dos orzamentos, para “avanzar en temas importantes como a mellora do noso ferrocarril”, aclarou.
A preguntas de xornalistas, asegurou que “temos que aproveitar que se abre o debate sobre os orzamentos do Estado para poñer sobre a mesa con forza a axenda galega e o BNG somos os únicos que imos condicionar a aprobación deses orzamentos a que o Estado cupra co noso País, en materia ferroviaria, da AP9, ou en materia dunha transición enerxética xusta”. “Ou estado cumpre con Galiza ou o BNG vai ter unh posición moi crítica”, asegurou.
Por último, aparte destas liñas principais de actuación, Pontón afirmou que “imos intensificar o diálogo con todos os sectores da sociedade galega, escoitar as súas demandas, percorrer o país, porque hai moitos retos por diante, e é importante traballar man a man cos máis dinámicos da sociedade galega”.
“O discurso do PP sobre a inmigración
A preguntas dos medios sobre a posición do PP nun tema de plena actualidade como é a inmigración, a portavoz nacional do Bloque acusou o PP de “querer estar a competir cun discurso racista con Vox”, e parécelle “lamentable que o presidente da Xunta estea alimentando declaracións que están alentando discursos racistas”. Ademais, defendeu a necesidade de ter traballadores en sectores que están tendo dificultades para atopar man de obra e asegurou que “se en algo nos podemos significar é en ser unha terra de acollida”.
Turismo de calidade
Tamén a preguntas de xornalistas sobre o turismo en Santiago, Pontón asegurou que o presidente da Xunta ten que “asumir as súas responsabilidades e traballar na dirección de acadar un turismo de calidade en lugar de facer oposición continua ao Concello de Santiago”, para presupoñer que “a Rueda non lle gusta que haxa unha alcaldía nacionalista no Concello, cun goberno que funciona e que está dando solucións a temas que estaban encallados” e que é capaz de “impulsar de novo o orgullo de cidade, recuperando espazos para a veciñanza e posicionando Santiago en temas relevantes como pode ser o da vivenda”, valorou.
Exemplaridade dos cargos públicos
No caso da tenente alcaldesa de Cangas, tamén a preguntas de xornalistas, asegurou que houbo “a resposta que estaba esperando todo o mundo, creo que oscargos públicos temos que ser exemplares no noso comportamento e o importante é que non vai alterar o bo funcionamento do goberno de Cangas, que “vai seguir traballando para mellorar a vida da cidadanía, reorganizándose en función desta cuestión pero iso é algo moi interno do goberno que nin eu podo anticipar nin decidir”, concluíu.