Redacción •  Galicia •  30/09/2023

Alexandra Fernández denuncia o secuestro da CRTVG por parte do PP: “Deixen de manipular a realidade deste país”

  • A deputada do BNG advirte da falta de pluralismo político na radio e a televisión públicas minimizando “até extremos indescritíbeis” as voces máis críticas co PP.
  • Considera indignante que Sánchez Izquierdo ampare actitudes machistas ao defender informacións do caso Rubiales nas que se revitimizou á Jenni Hermoso.
Alexandra Fernández denuncia o secuestro da CRTVG por parte do PP: “Deixen de manipular a realidade deste país”

A deputada do BNG Alexandra Fernández acusou hoxe á dirección da CRTVG de levar a cabo unha “limpeza ideolóxica sen procedentes” nos medios públicos galegos, que “están secuestrados polo PP”, e esixiu ao seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que “deixen de manipular a realidade deste país”.

“Abonda botar un ollo ás escaletas dos informativos para comprobar como a CRTVG funciona como gabinete de prensa do PP e as informacións e as declaracións xiran en torno ao partido que goberna a Xunta”, asegurou a deputada nacionalista, incidindo no “protagonismo absoluto” que ten na radio e na televisión públicas do País o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que agora comparte o foco de atención co presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.

A falta de pluralismo evidénciase, engadiu, nos espazos de opinión e debate. “Boa parte dos tertulianos e tertulianas son palmeiros do PP”, mentres que as voces que responden a outras liñas ideolóxicas son “minorizadas até extremos indescritíbeis”. Afondando nesta cuestión, denunciou que xusto antes das eleccións a dirección da CRTVG eliminou “completamente” dos faladoiros “calquera voz que cuestionase a acción política do PP”.

Entre os colaboradores “máis críticos” dos que se prescindiu figuran o profesor da UDC e ex deputado do BNG Carlos Aymerich, a tamén ex deputada do Bloque e administradora da empresa editora de Luzes, Ana Luísa Bouza, o avogado Xoán Antón Pérez Lema, o escritor Francisco Castro ou o activista e membro de Anova Pepe Arias, que interviñan en ‘A Crónica’. Sucedeu tamén co profesor de Economía da USC e ex deputado Suso Veiga ou coa directora de Nós Diario, María Obelleiro, enumerou.

Alexandra Fernández destacou que, pola contra, continuaron “nomes máis que discutíbeis por manifestarse en contra dos propios principios creadores de CRTVG”. Aludiu así ás polémicas intervencións de xornalistas como María Jamardo ou Pablo Acción, “que mesmo aproveitaron o Día das Letras Galegas para defender o seu discurso galegófobo nos propios medios públicos”, ou á de Pedro Insua, “que mesmo chegou a facer brincadeira do uso do noso idioma e que chegou a dicir que o galego, como vasco e catalán, non debían ser oficiais”.

“A CRTVG castiga a quen opina de distinta maneira e a dirección non ten escrúpulos á hora de eliminar dos seus espazos a quen informa ou a quen pensa que pode estar vinculada a posicións alleas ao PP”, manifestou a modo de resumo.

Alexandra Fernández referiuse tamén á axenda de temas da CRTVG como outra dos indicios da falta de pluralismo na tele e na radio públicas, que “cada vez repara menos nos problemas e nos asuntos que nos afectan directamente para centrar os debates na axenda política española, como se fosen calquera cadea con sede en Madrid”.

Aproveitando unha pregunta en comisión parlamentaria, a deputada do BNG criticou así mesmo que o uso da lingua “renxe” no caso dalgúns colaboradores “que usan os verbos compostos e que non poñen un pronome no seu sitio”. “Imposíbel pensar que isto aconteza noutro medio de comunicación, privado ou público, e menos aínda nun medio que ten como obxectivo a promoción da nosa lingua”, asegurou. A falta de pluralismo evidénciase incluso á hora de elixir os xornais que se editan en galego para facer o resumo de titulares da xornada, prescindindo, precisamente, do único que está escrito integramente na nosa lingua, denunciou.

Machismo que incapacita para dirixir os medios públicos

Alexandra Fernández tamén levou hoxe a debate en comisión parlamentaria o tratamento por parte da TVG sobre o caso Rubiales, e máis en concreto no programa A Revista, que o 30 de agosto emitiu un corte cunha videomontaxe na que se ve á futbolista Jenni Hermoso nun contexto e nunha actitude de celebración. “A emisión deste corte persegue situar o foco sobre a agredida e criticar a súa conducta, o que supón unha revitimización”, denunciou.

A emisión en directo deste vídeo, fabricado polo propio Rubiales, foi acompañada de declaracións do comentarista coas que, explicou, se pretendía trasladar á audiencia a hipótese de que a agresión non era clara, a pesar de que as imaxes non deixaban lugar a dúbidas. “O ambiente de celebración no que se grava o vídeo sería a proba de que a agresión non foi suficientemente grave”, criticou a representante do BNG.

“Este tipo de discursos non poden aceptarse nuns medios públicos que deben estar totalmente implicados na loita contra a violencia machista”, sentenciou, ao tempo que rexeitou tamén o tratamento dado ás declaracións feitas polo presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, que chegou a describir a agresión sexual como “un erro que se comete na vida” e foi dos que primeiro aplaudiron a Rubiales e logo intentaron desmarcarse. “O lóxico sería que os medios públicos escrutasen esa incoherencia tan rechamante”, pero a CRTVG ofreceulle unha “entrevista editada co único obxectivo de darlle a oportunidade de xustificar as súas declaracións”.

Alexandra Fernández considerou “indignante” a resposta do director xeral de CRTVG, defendendo o tratamento informativo feito do caso Rubiales sen ningún tipo de autocrítica. “As mulleres sufrimos discriminación en moitos ámbitos da nos vida e resulta indignante ver como vostede, que ten un gran poder para facer dos medios públicos un axente en prol da igualdade, opta por rirse cando denunciamos actitudes machistas”, reprochoulle. “É un machismo cegador que o incapacita para dirixir os medios públicos”, sentenciou.


tv /