Redacción •  Galicia •  30/10/2022

Pivotal Metals: a mineira de San Finx e Varilongo cambia de nome para ocultar as súas desfeitas ambientais

  • A que se viña chamando Rafaella Resources pasa a chamarse Pivotal Metals Limited.
  • No mes de novembro presentarase a nova marca en Londres durante o salón Mines and Money, xunto co proxecto de megaminaría a ceo aberto no Xallas.
Pivotal Metals: a mineira de San Finx e Varilongo cambia de nome para ocultar as súas desfeitas ambientais

Fai tres anos que Rafaella Resources se fixo cargo da mina de Varilongo, en Santa Comba, e un ano desde que aceptou facerse cargo da de San Finx, en Lousame. Nese tempo, a empresa conseguiu queimar a súa imaxe, logo de ser ridiculizada ao mentir sobre un suposto apoio económico do goberno alemán, desaloxada dun edificio público que ocupaba ilegalmente e estar exposta a numerosos procesos xudiciais que involucran ambas as dúas minas. Ademais, nos últimos meses a cotización da empresa caeu a mínimos históricos, sen conseguir rendemento algún máis alá dos dos propios directivos.

Buscando afastarse da súa nefasta traxectoria, Rafaella ven de comunicar aos seus inversores o cambio de denominación, adoptando o de “Pivotal Metals Limited”, que xa rexistrou a matriz nun proveedor de dominios español. A mudanza anunciarase en Londres durante o salón Mines and Money, ponde tamén pretende vender a novos accionistas un proxecto de megaminería a ceo aberto en Santa Comba, xusto cando pode perder definitivamente as concesións, así como unha inviable reactivación da mina de San Finx.

En realidade, a compañía asumira a súa anterior denominación mediante unha estratexia denominada “back-door listing”, pola que un grupo de inversores compra unha empresa cotizada pero sen actividade, para fuxir dos requisitos dos reguladores bursátiles a novas empresas cotizadas. A manobra foi facilitada por Starboard Global Ltd., empresa con sede no paraíso fiscal das Illas Virxes Británicas e oficinas en Hong Kong, que mantén o control efectivo sobre tanto sobre Pivotal Metals como de EuroBattery Minerals. Esta última, formalmente sueca, está promovendo outra megamina a ceo aberto noutra parte das concesións caducadas de Santa Comba, no chamado proxecto Corcel, situado entre Castriz e Coristanco.

Desde Ecoloxistas en Acción e as plataformas veciñais que se opoñen aos proxectos de minaría destructiva e contaminante en San Finx, Varilongo e Castriz, deixan claro que a mudanza de denominación non engana a ninguén, e que seguirán impulsando os procesos xudicias en curso e denunciando a actividade de Pivotal Metals en todas as instancias ata que se asuman e depuren as responsabilidades ambientais existentes.


minería contaminante /