Concursos de transición enerxética xusta: A CIG demanda como mínimo a capacidade liberada polos peches das térmicas de Meirama e As Pontes
A central sindical esixe tamén a convocatoria dos concursos para novas demandas eléctricas de proxectos industriais xeradores de emprego.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) vén de convocar as poxas de capacidade nos nodos de Meirama e nos asturianos de Narcea e La Pereda, incluídos na listaxe dos chamados de Transición Xusta, relacionados cos procesos de peche das centrais térmicas de carbón de Naturgy en Cerceda e Soto de la Barca, e de Hunosa, respectivamente.
No caso galego, trátase da primeira actuación nos seis anos que van dende a aprobación da Estratexia de Transición Xusta, unha estratexia que ten evidenciado o seu fracaso en termos de alternativas á destrución de emprego e ás perdas socioeconómicas derivadas dos peches das centrais térmicas; todas as medidas e instrumentos deseñados polo MITECO, o Ministerio de Traballo, as grandes eléctricas, e os sindicatos estatais, con moito discurso baleiro de concrecións reais efectivas, teñen fracasado na Galiza, por exclusión como no caso do Acordo Tripartito do Carbón 2019-2027, ou por inacción como o Acordo Tripartito das Centrais Térmicas en Peche, os Convenios de Transición Xusta, e o Futur-e de Endesa.
É preciso lembrar que a capacidade de acceso á rede de transporte liberada cos peches das centrais foron identificadas polo propio MITECO como “fortalezas e oportunidades”, que tamén foi quen de introducir e comprometer os Concursos de Transición Xusta nos nodos como unha ferramenta fundamental, exemplificada pola primeira poxa no nodo Mudéjar en Andorra (Teruel), que concursou xa por dúas veces e cunha potencia superior á da central pechada, como no caso agora da Pereda.
O representante da CIG no Comité Executivo de Enerxía da Consellaría de Industria, Fernando Branco Parga, lembra que “no caso de Meirama houbo un primeiro intento en xuño de 2023 para sacar a concurso uns 250 MW sen as condicións e obrigas correspondentes a un nodo de Transición Xusta”. Algo ao que se opuxo totalmente a CIG en varias reunións do Comité Executivo de Enerxía; agora, dos 580 MW liberados pola central de Naturgy, o MITECO, xa como Transición Xusta, saca 408 MW para tecnoloxías como centrais de bombeo ou biomasa e 153 MW para parques eólicos ou fotovoltaicos.
No outro nodo de Transición Xusta galego, o das Pontes, continúa a “desaparición” inexplicábel e inaceptábel dos 1469 MW que estaban ocupados pola central de Endesa, manténdose o MITECO na súa negación do concurso comprometido por el mesmo, e renovando a súa promesa na construción dunha nova subestación en Maciñeira, prevista para 2026, pero sen ter iniciado trámites administrativo e ambiental algún; o que, tendo en conta os prazos temporais necesarios, ademais dos de execución -tamén das liñas precisas-, e do xa anunciado concurso, vai ser imposíbel que estea realizada no 2026, “polo que se converte nunha alternativa tardía en exceso e con resultados moi incertos”. Estes “inxustificábeis” prazos son incompatíbeis con calquera transición que se poida denominar xusta.
Información e transparencia
Diante disto, a CIG insiste na demanda “prioritaria e urxente” de información e transparencia a Rede Eléctrica Española (REE) sobre as empresas que son concesionarias de capacidade en cada un dos nodos de Transición Xusta galegos; tamén demanda da Xunta que sinale que parques dos que teñen dereito de acceso e conexión concedido nos devanditos nodos están fóra da ADE, a causa do informe favorábel da Xunta, e, de ser ocaso, as características (industria asinante, prezo, electricidade, tempo) das PPAs que o motivaron, xunto coas medidas contempladas polo Goberno galego no caso de que o proxecto industrial non se desenvolva.
Por último, a CIG demanda da Xunta a convocatoria urxente do Comité Executivo da Enerxía, coa asistencia da conselleira de Industria, para seguir esixindo concreción e axilidade no Concurso de Transición Xusta das Pontes, “xa que estes concursos son compromisos firmes de investimentos e non simples anuncios mediáticos como acontece na actualidade nas Pontes”.
Entende tamén a CIG que todo o anterior é outro motivo máis, “de necesitarse algún outro”, para participar na manifestación convocada para o día 19 de xaneiro nas Pontes contra o desmantelamento industrial.